Pasar al contenido principal

A catedrática Carmen Álvarez Lorenzo aborda a importancia dos medicamentos personalizados no seu ingreso na RAGC

A catedrática Carmen Álvarez Lorenzo, na lectura do seu discurso de ingreso na RAGC. Foto: Suso Rivas
A catedrática Carmen Álvarez Lorenzo, na lectura do seu discurso de ingreso na RAGC. Foto: Suso Rivas
Destaca os avances do seu equipo no deseño de medicamentos intelixentes, en particular lentes de contacto medicadas para tratar doenzas como o glaucoma

A catedrática de Farmacia e Tecnoloxía Farmacéutica e directora do Instituto de Materiais da USC Carmen Álvarez Lorenzo acaba de ingresar como académica numeraria da Sección de Bioloxía e Ciencias da Saúde da Real Academia Galega de Ciencias (RAGC). O seu discurso de ingreso, contestado pola académica e catedrática da USC María José Alonso, levaba por título ‘Medicamentos disruptivos: aprendendo da evolución’. Nel abordou a necesidade de desenvolver medicamentos “cada vez máis eficaces, seguros e personalizados”. A nova académica salientou que na actualidade é posible coñecer a orixe ou base molecular das enfermidades e identificar as variantes xenéticas propias de cada persoa que determinan a resposta aos tratamentos. Nesta liña, indicou que “os medicamentos personalizados, ademais de incorporar o fármaco máis idóneo e a dose requirida para cada paciente, deben ser capaces de cedelo no lugar e á velocidade necesarios para alcanzar a resposta terapéutica óptima”.

A doutora Álvarez Lorenzo referiuse á biomimética como un campo emerxente que se centra no estudo da natureza para levar a cabo, por imitación, desenvolvementos científicos e tecnolóxicos,  como é o caso do deseño de sistemas intelixentes para a liberación de fármacos. Baseándose neste novo campo, o seu grupo de investigación adaptou a metodoloxía de impresión molecular para crear receptores sintéticos para fármacos en hidroxeles sensibles a estímulos, e tamén en tramados poliméricos flexibles como as lentes de contacto. Así, a aplicación destas estratexias permitiulles, entre outros avances, deseñar nas lentes de contacto receptores sintéticos para fármacos específicos, imitando a estrutura do receptor biolóxico natural. Como resultado, conseguiron preparar lentes de contacto medicadas capaces de incorporar, entre outros fármacos, timolol e acetazolamida para o tratamento do glaucoma, olopatadina para atenuar reaccións alérxicas e epalrestat para a prevención e o tratamento dos efectos da diabetes no ollo.

“Os medicamentos que imitan a capacidade que teñen os seres vivos para responder a estímulos denomínanse intelixentes. Estes medicamentos son capaces de activar o deter a cesión do fármaco en función de estímulos externos específicos ou de recoñecer cambios en indicadores do estado fisiopatolóxico do paciente. As estratexias bioinspiradas permiten abordar o deseño de hidroxeles sensibles a estímulos con capacidade de recoñecemento molecular reversible capaces de deter a cesión cando os niveis de fármaco na contorna do medicamento alcanzan un valor determinado, e son os únicos que poden recuperar o fármaco xa cedido se o estímulo cesa ou reverte. Os resultados destas investigacións abren un amplo abano de posibilidades” aseverou Carmen Álvarez.

Na contestación a esta lección maxistral, a catedrática e académica María José Alonso loou a “extraordinaria” estadía da doutora Álvarez no Instituto Tecnolóxico de Massachusetts, como responsable de laboratorio. Logo dunha traxectoria de máis de 20 anos, tense convertido “nun referente indiscutible da nosa universidade e tamén nun referente internacional no ámbito científico dos biomateriais, sistemas de liberación de fármacos e enxeñaría de tecidos”.

Pola súa banda, o presidente da RAGC deu a benvida á institución á profesora Carmen Álvarez, destacando que “desenvolve unha investigación orientada cara á solución de problemas reais que preocupan á sociedade e que supoñen un avance notable no coñecemento”. Felicitouna pola súa “brillante traxectoria”, ao tempo que puxo de manifesto “o seu perfil humano, colaborador e entusiasta” e sinalou que “supón unha incorporación de gran valor para a Academia”. Ao acto tamén asistiron, entre outras representantes de institucións políticas, culturais e académica galegas, o vicerreitor de Política Científica da Universidade de Santiago, Vicente Pérez Muñuzuri, e o seu homólogo da Universidade da Coruña, Salvador Naya Fernández.

Los contenidos de esta página se actualizaron el 28.09.2022.