Pasar al contenido principal

O ciclo Luis Asorey aborda este ano a problemática dos incendios forestais e a recuperación de terreos queimados en Galicia

Cartaz do ciclo de conferencias Dr. Luis Asorey García de 2018
Cartaz do ciclo de conferencias Dr. Luis Asorey García de 2018
O director Xeral de Ordenación Forestal da Xunta de Galicia, Tomás Fernández-Couto, abrirá o luns 19 este programa de relatorios na Deputación Provincial de Lugo

O ciclo de conferencias Dr. Luis Asorey García, un programa de divulgación científica promovido pola Real Academia Galega de Ciencias en colaboración coa USC e a Deputación Provincial de Lugo, abordará na súa edición deste ano 2018 a problemática dos incendios forestais e a recuperación de terreos queimados en Galicia.

O director Xeral de Ordenación Forestal da Xunta de Galicia, Tomás Fernández-Couto, abrirá o luns 19 este programa de relatorios no salón de actos da Deputación Provincial de Lugo cunha intervención que se desenvolverá, a partir das 19.30 horas, baixo o título ‘Os incendios forestais en Galicia’.

O ciclo terá continuidade os días 20, 21, 22, 26, 27 e 28 de novembro, datas nas que están programadas outros seis relatorios sobre esta temática na Deputación de Lugo, agás a conferencia que impartirá a profesora da USC Ana Daría Ruiz González o martes 20 de novembro, a partir das 19.30 horas, no salón de actos da EPS de Enxeñaría do campus de Lugo, e na que tratará sobre o combustible vexetal e os incendios forestais.

As medidas lexislativas, policiais e xudiciais centrará o 20 de novembro a intervención do fiscal de Medio Ambiente de Galicia, Álvaro García Ortiz. Ao día seguinte, o profesor do Departamento de Xeografía da USC Alberto Martí Expeleta falará, tamén a partir das 19.30 horas, no mesmo escenario da Deputación de Lugo sobre a relación entre cambio climático e incendios forestais.

A recuperación de terreos queimados é o título da conferencia que impartirá o luns 26 o enxeñeiros de Montes e ex director do Centro de Investigación Forestal de Lourizán, José Antonio Vega Hidalgo, mentres que ao día seguinte a profesora da USC Elvira Díaz Vizcaíno afondará na súa intervención sobre os efectos ecolóxicos dos incendios forestais.

O ciclo de conferencias Luis Asorey García de 2018 chegará ao seu colofón o 28 de novembro na Deputación de Lugo cun relatorio, a partir das 19.30 horas, a cargo do catedrático da USC e membro da Real Academia Galega de Ciencias Antonio Rigueiro Rodríguez, que ofrecerá un relatorio co título ‘Os sistemas silvopastorais como técnica de prevención de incendios’.

Inscrición e prazos

O proceso de inscrición para participar no ciclo de conferencias Luis Asorey García, un programa recoñecido pola Consellería de Educación e Ordenación Universitaria como actividade de formación do profesorado non universitario, é gratuíto para todo o público. O prazo permanece aberto ata o xoves día 15 de novembro e as persoas interesadas poden formalizar a súa matrícula este programa de divulgación científica de xeito telemático na web da Real Academia Galega de Ciencias, na que poderán ben cumprimentar o formulario habilitado ou ben imprimilo e entregalo no Rexistro da Deputación de Lugo.

Los contenidos de esta página se actualizaron el 13.11.2018.