Pasar al contenido principal

A European Society for the Study of English premia unha monografía da profesora Yolanda Fernández Pena

A investigadora Yolanda Fernández recibiu o premio da ESSE pola monografía 'Reconciling Synchrony, Diachrony and Usage in Verb Number Agreement with Complex Collective Subjects'
A investigadora Yolanda Fernández recibiu o premio da ESSE pola monografía 'Reconciling Synchrony, Diachrony and Usage in Verb Number Agreement with Complex Collective Subjects'
Este galardón súmase a outros dous premios de investigación recibidos previamente por parte da da Asociación Española de Estudos Anglo-Norteamericanos e a Asociación Española de Lingüística Aplicada

A European Society for the Study of English (ESSE) outorgou á profesora de Filoloxía Inglesa Yolanda Fernández Pena o Premio de Investigación 2022 para Novas/os Investigadoras/es pola súa monografía Reconciling Synchrony, Diachrony and Usage in Verb Number Agreement with Complex Collective Subjects, publicada pola editorial internacional Routledge en 2020. A concesión deste premio, cunha dotación económica de 1500 euros, anunciouse o pasado agosto, durante o 16º Congreso Internacional da Asociación Europea de Estudios Ingleses, que tivo lugar na cidade de Mainz (Alemaña). Os premios da Asociación ESSE teñen como finalidade o recoñecemento daquelas obras que supoñen un avance teórico e metodolóxico no ámbito dos estudos en lingua inglesa. Este galardón súmase a outros dous premios de investigación recibidos previamente: o premio ‘Leocadio Martín Mingorance’ 2021 da Asociación Española de Estudos Anglo-Norteamericanos (AEDEAN) e o premio Guadalupe Aguado 2022 da Asociación Española de Lingüística Aplicada (AESLA).

A monografía da profesora Fernández Pena trata un tema con escasos antecedentes, a variación na concordancia verbal de número con nomes colectivos complexos (a bunch/couple/number of + nome) en inglés. O volume ofrece unha visión panorámica do tema, aportando un estudo de corpus con datos tanto históricos como sincrónicos que, tras ser modelados estatisticamente con técnicas avanzadas de regresión multivariantes, revelan a interacción entre diversos factores morfosintácticos e léxico-semánticos (como a complexidade, a distancia sintáctica, a animacidade ou a pluralidade semántica) na concordancia verbal de número con suxeitos colectivos complexos.

Yolanda Fernández Pena é Profesora Axudante Doutora no Departamento de Filoloxía Inglesa e Alemá da Universidade de Santiago de Compostela. Doutorouse en Filoloxía Inglesa (2018) na Universidade de Vigo, coa tese titulada Determinants of verb number agreement with complex collective subjects: A corpus-based analysis in English, a cal recibiu o Premio Extraordinario de Doutoramento da devandita universidade en 2020. Con anterioridade ao seu traslado á USC, desfrutou dun contrato posdoutoral da Xunta de Galicia, realizando estadías de investigación de longa duración nas Universidades de Graz (Austria) e Neuchâtel (Suíza). Dende a súa incorporación á Universidade de Santiago de Compostela en febreiro de 2022, é membro activo do grupo de investigación Variation, Linguistic Change and Grammaticalization (VLCG) e da rede científica English Linguistics Circle (ELC), coordinados pola profesora Teresa Fanego.

Los contenidos de esta página se actualizaron el 30.09.2022.