Pasar al contenido principal

Filoloxía homenaxeou os profesores Francisco Fernández Rei e Manuel González González

Filoloxía homenaxeou os profesores Francisco Fernández Rei e Manuel González González
Filoloxía homenaxeou os profesores Francisco Fernández Rei e Manuel González González

Mantendo a tradición iniciada coa homenaxe ofrecida ao seu fundador, Constantino García, e continuada coas que se dedicaron a Antón Santamarina e Mercedes Brea cando o profesorado acada os 65 anos de idade, pero sen agardar o momento da xubilación, a área de Filoloxía Románica da USC fixo o propio este venres cos profesores Francisco Fernández Rei e Manuel González González, que naceron cun ano de diferenza pero iniciaron xuntos a súa andaina universitaria.

O acto, sorpresa para os homenaxeados, desenvolveuse tal e como estaba previsto, coas intervencións do vicerreitor de Profesorado da USC, Ernesto González Seoane; a decana da Facultade de Filoloxía, María José López Couso; o director do Departamento de Filoloxía Galega, Francisco A. Cidrás Escáneo; o catedrático de Filoloxía Románica e académico numerario da RAG, Antón Santamarina; e de Carmen Alén Garabato e Xosé Afonso Álvarez, das Universidades Paul-Valéry Montpellier e Alcalá de Henares, respectivamente.

No acto fíxose entrega aos homenaxeados de cadanseu volume de estudos, Limba noastră-i o comoară. Estudos de sociolingüística románica en homenaxe a Francisco Fernández Rei e Obreiro da lingua, amigo da xente. Estudos de xeografía lingüística en homenaxe a Manuel González González, editados polo Servizo de Publicacións e Intercambio Científico da USC e que recollen trinta contribucións dos eidos principais de investigación dos homenaxeados.

Francisco Fernández Rei Catedrático de Filoloxía Románica na USC, Francisco Fernández Rey foi director do Departamento de Filoloxía Galega e dirixe os Cursos de lingua e cultura galegas para estranxeiros e españois de fóra de Galicia organizados pola RAG, o ILG e a SXPL da Xunta de Galicia. Investigador do Instituto da Lingua Galega desde 1974, forma parte do equipo redactor do Atlas Lingüístico Galego e dirixe o Arquivo do Galego Oral.

É membro numerario da Real Academia Galega (1999), do Padroado da Fundación Sotelo Blanco e do Padroado do Museo do Pobo Galego, e conselleiro de honra do Consello d’a Fabla Aragonesa. Foi membro do Plenario do Consello da Cultura Galega e un dos fundadores de Escola Aberta e da Asociación de Tradutores Galegos, así como de Redes Escarlata e de ProLingua, plataforma apartidaria a prol da defensa e promoción do galego. É co secretario de A Trabe de Ouro desde a súa aparición e membro do comité científico de diversas publicacións lingüísticas.

Manuel González González Catedrático de Filoloxía Románica na USC, onde ocupou diversos cargos académicos, Manuel González González foi director dos Cursos de Lingua e Cultura Galegas para estranxeiros, organizados conxuntamente polo ILG, a RAG e a SXPL da Xunta de Galicia. É membro numerario da Real Academia Galega desde 1992, na que foi secretario, tesoureiro e responsable dos seminarios de Sociolingüístca e de Lexicografía e Terminoloxía.

É ademais director de Termigal; vicepresidente da Asociación española de terminología; coordinador científico do Centro Ramón Piñeiro para a investigación en humanidades; co director do Atlas Lingüístico Galego; presidente de Puntogal, asociación encargada de xestionar un dominio lingüístico-cultural galego en Internet; director de Cadernos de Lingua, e membro do comité de redacción do Atlas Linguistique Roman.
Foi secretario tamén do Instituto da Lingua Galega e un dos iniciadores dos estudos de fonética acústica en Galicia, ademais de ter dirixido o equipo que elaborou Laverca. Diccionario de verbos galegos con voz sintetizada.

Los contenidos de esta página se actualizaron el 15.11.2018.