Pasar al contenido principal

A ferramenta ICA2TEXT proporciona descricións en tempo real sobre o Índice da Calidade do Aire

Estación de fondo en área urbana situada no Campus Sur da Universidade de Santiago de Compostela
Estación de fondo en área urbana situada no Campus Sur da Universidade de Santiago de Compostela
O sistema, froito dunha nova colaboración entre a USC e MeteoGalicia, ofrece información sobre cada concello da comunidade
Santiago de Compostela

Chámase ICA2TEXT e emprega técnicas baseadas en Intelixencia Artificial (IA) e Tecnoloxías da Linguaxe Natural para xerar automaticamente descricións textuais en galego e castelán sobre os datos da calidade do aire na Comunidade Autónoma de Galicia.  A ferramenta, despregada recentemente como servizo público na páxina web do servizo meteorolóxico autonómico, foi desenvolvida de xeito conxunto entre o Centro Singular de Investigación en Tecnoloxías Intelixentes da USC (CiTIUS) e o Departamento de Calidade do Aire de Meteogalicia, pertencente á Dirección Xeral de Calidade Ambiental, Sostibilidade e Cambio Climático.

ICA2TEXT acompaña os gráficos e datos numérico-simbólicos amosados na web con descricións textuais xeradas automaticamente, que axudan á cidadanía a ter unha mellor comprensión da información proporcionada. O obxectivo desta aplicación é describir estes datos de xeito comprensible, tal e como o faría unha persoa experta. O proxecto é un paso cara adiante na liña de colaboración que as dúas institucións veñen mantendo ao longo dos últimos anos, froito da cal teñen cristalizado iniciativas semellantes como GaliWeather, unha ferramenta pioneira no mundo que, dende o ano 2015, ‘traduce’ cada día a linguaxe natural os datos de predición meteorolóxica dos máis de 300 concellos galegos.

Intelixencia artificial ao servizo da meteoroloxía

O Índice da Calidade do Aire (ICA) é un parámetro que se calcula automaticamente cos datos emitidos en tempo real polas estacións de medición da calidade do aire repartidas por toda Galicia; ata o de agora, o resultado desta colecta de información amosábase aos usuarios na páxina web de MeteoGalicia a través dun sinxelo mecanismo de visualización, baseado nun código de cores.

Neste contexto, ICA2TEXT presenta unha proposta moi novidosa baseada principalmente en dúas técnicas amplamente estendidas na actualidade entre a comunidade científica experta en Intelixencia Artificial: a Xeración de Linguaxe Natural (NLG, polas súas siglas en inglés) e a Lóxica Borrosa. “Esta nova aplicación componse principalmente de dúas tarefas principais: por unha banda, procesa os datos para xerar a partir deles descricións lingüísticas coherentes”, explica o investigador responsable do proxecto no CiTIUS, Alberto Bugarín; “por outra, é quen de converter as descricións xeradas en textos comprensibles para as persoas”. Un sistema innovador, enmarcado na área do Data-To-Text (D2T, ‘Datos a texto’) que emprega técnicas baseadas en Intelixencia Artificial (IA) e tecnoloxías da linguaxe natural para xerar automaticamente descricións textuais.

O traballo comezou en 2020 no marco dun Traballo de Fin de Grao (TFG) do Grao en Enxeñaría Informática da USC e acaba de ser presentado no XXXVIII Congreso da Sociedade Española para el Procesamento de Linguaxe Natural (SEPLN). Así mesmo, foi publicado tamén en Applied Soft Computing.

“Ata onde sabemos, ningunha axencia meteorolóxica no mundo conta na actualidade cunha aplicación similar a ICA2TEXT para a xeración automática de descricións en linguaxe natural sobre o Índice da Calidade do aire”, destaca Bugarín. “Todo elo da unha idea da proxección e a importancia deste resultado, que nos incentiva a seguir mellorando a nosa colaboración con  Meteogalicia na aplicación das tecnoloxías intelixentes e da linguaxe natural ao eido da meteoroloxía”, conclúe.

Los contenidos de esta página se actualizaron el 30.09.2022.