Miradas indisciplinadas para afondar na arte contemporánea en Cuba e España
O proxecto Yucunet botou a andar o ano pasado coa vontade de ofrecer ferramentas para a creación dunha rede educativa e de investigación e traballo en Arte Contemporánea na rexión Iucatán-Cuba. Baixo esta premisa e ao longo desta semana, vanse desenvolver diversos relatorios que profundan neste eido no que xa están a traballar doce institucións de Portugal, México e Cuba, baixo a coordinación do profesor da USC, Federico López Silvestre.
O seminario ‘Miradas indisciplinadas á arte contemporánea en Cuba e España’ reunirá do 5 ao 7 de outubro nas Facultades de Filosofía e de Xeografía e Historia da USC a diversos especialistas en curadoría, comisariado, montaxe de exposicións ou pedagoxía en arte contemporánea que profundarán nos seus respectivos eidos de actuación e exporán as liñas mestras para definir unha nova forma de mostrar e de educar en arte contemporánea.
Programa
A Aula 1 da Facultade de Filosofía acolle este mércores 5 de outubro, ás 17.15 horas, o relatorio ‘Boceto histórico dunha cartografía fragmentada (Educación pola Arte na nosa América)’, que corre a cargo do profesor, investigador e escritor, Ramón O. Cabrera Salort. Con esta primeira conferencia preténdese propiciar o coñecemento e a reflexión sobre figuras e experiencias notables de educación pola arte de América e o seu nivel de actualidade.
O xoves 6 de outubro é a quenda da profesora da USC Cristina Trigo, quen na Facultade de Xeografía e Historia, aula 16, impartirá, ás 9.30 horas, o relatorio ‘Buscando o museo expandido. Transferencias museo-educación’. O museo e o contexto educativo están en constante proceso de resignificación. Cada ámbito sae ao encontro doutras realidades e minorías e nese percorrido xéranse espazos de cruzamento nos que as inquietudes colectivas fanse visibles, ben como novos relatos do museo, ben como currículo vivo da escola, tal e como se deixará patente na conferencia da profesora Trigo.
Tamén o xoves 6, a Facultade de Filosofía acolle, ás 16.00 horas, na súa aula 1, o relatorio ‘Por unha mediación instruída da arte contemporánea: tentativas dende o ensino’. A conferencia corre a cargo de María de los Ángeles Pereira Perera, profesora da Universidade de La Habana, quen profundará en socializar a experiencia cubana no ensino da arte contemporánea, en favor de ponderar a importancia do coñecemento como plataforma das accións de mediación cultural.
‘Movas prácticas curatoriais’ é o título do relatorio que, en Xeografía e Historia, correrá a cargo de Pedro de Llano Neira o venres 7 de outubro, ás 10.30 horas. O profesor da USC propiciará o coñecemento e a reflexión sobre figuras e experiencias notables de educación pola arte de América.
Na mesma xornada, Anabel Caraballo Fuentes, da Universidade das Artes de Cuba, disertará na Facultade de Filosofía sobre como se configuran dende as artes visuais cubanas e latinoamericanas imaxinarios socioculturais en paisaxes residuais. A sesión comeza ás 16.00 horas.
Finalmente, nas xornadas do 6 e do 7 de outubro, terá lugar, en Filosofía, a cargo da profesora da Universidade de La Habana, Kirenia Rodríguez Puerto, o relatorio ‘Fotografía e decolonialidade: traxectorias sinuosas na arte do Caribe’. O xoves a sesión comeza ás 19.30, mentres que o venres bota a andar ás 9.00 horas.