Pasar al contenido principal

A Facultade de Administración e Dirección de Empresas estreita ligazóns coa Mariña luguesa cun convenio con Porto de Celeiro

Facultade de Administración e Dirección de Empresas. FOTO: Santi Alvite
Facultade de Administración e Dirección de Empresas. FOTO: Santi Alvite
O acordo contempla a elaboración de estudos sobre a actividade económica e empresarial no sector pesqueiro na provincia de Lugo, así como a realización de accións a prol da I+D+i e do desenvolvemento tecnolóxico

A Facultade de Administración e Dirección de Empresas do Campus de Lugo estreita ligazóns coa Mariña a través dun convenio con Porto de Celeiro. O acordo, asinado polo reitor da USC, Antonio López, e o director adxunto de Porto de Celeiro, Eduardo Míguez, abre a porta á colaboración entre as dúas institucións para elaborar estudos sobre a actividade económica e empresarial no sector, ademais de para desenvolver iniciativas cara á promoción da formación e da I+D+i e do desenvolvemento tecnolóxico.

O decano da Facultade de ADE da USC, Roberto Bande, salientou a importancia da nova etapa de colaboración iniciada entre o centro universitario lugués e Porto de Celeiro, en cuxas instalacións se descargan máis de dous terzos do peixe fresco que entra en España. A relevancia deste polo económico e empresarial está fóra de dúbidas, engade Bande, quen confía en que o convenio asinado entre USC e Porto de Celeiro se traducirá en resultados vantaxosos para ambas as dúas entidades.

Neste contexto, o decano remarcou a importancia de que a USC estea presente na Mariña luguesa, tanto pola intensa actividade económica e empresarial dunha comarca fondamente vencellada ao sector primario pesqueiro, como por tratarse dun polo de referencia no eido da innovación.

Alén da dimensión empresarial do Porto de Celeiro, entidade coa que a Facultade de ADE podería colaborar na realización de estudos, proxectos ou tarefas de asesoramento, Roberto Bande agarda que o feito de que a USC teña máis visibilidade na Mariña se traduza tamén nun maior fluxo de estudantes cara a sede universitaria luguesa.

Los contenidos de esta página se actualizaron el 07.10.2022.