As Bolsas Leonardo recoñecen os proxectos de María do Cebreiro Rábade Villar e Julia Ammerman Yebra
As investigadoras da USC María do Cebreiro Rábade Villar e Julia Ammerman Yebra acaban de ser recoñecidas na convocatoria 2022 das Bolsas Leonardo a Investigadores e Creadores Culturais dirixidas a apoiar proxectos persoais de persoal investigador en estadios intermedios da súa carreira, entre 30 e 45 anos, que se caractericen por unha significativa produción científica, tecnolóxica ou cultural. O destino específico da bolsa, dotada cada unha delas ata con 40.000 euros, admite unha gran flexibilidade, adecuándose ás necesidades concretas de cada proxecto, podendo desenvolverse nun prazo temporal de entre 12 e 18 meses. Nesta convocatoria de 2022 recibíronse un total de 884 solicitudes, resultando seleccionadas un total de 60.
‘Os ollos das árbores’
“A medio camiño entre a investigación e a creación literaria”, así define a profesora da Facultade de Filoloxía, María do Cebreiro Rábade Villar, o seu proxecto titulado ‘Os ollos das árbores. Tres episodios de historia natural’. Reconstruír poeticamente, dende a perspectiva da natureza, tres calas significativas da memoria colectiva de Madrid é a meta que persegue a profesora Rábade Villar a través deste proxecto e da concesión da bolsa Leonardo. Neste futuro libro de poemas, cuxa factura formal e conceptual dialogará con tipoloxías textuais como o herbario ou o álbum ilustrado, a investigadora e escritora tentará “dotar de voz e de mirada as árbores e outras especies vexetais que foron testemuñas, en aparencia mudas, de revolucións, motíns, conspiracións e reinados”.
A orixinalidade deste proxecto de memoria botánica estriba na perspectiva adoptada pola voz poética, que ofrece unha visión desatendida polas fontes históricas e resulta propicia, por iso mesmo, á experimentación literaria. “Trátase de construír imaxinariamente unha mirada non humana, pero non allea ao humano”, explica a investigadora.
‘Artistas marxinais’
Julia Ammerman Yebra estudará, pola súa parte, a situación na que se atopan diversos colectivos artísticos coa vontade de propoñer formas de protexer a súa creación e as súas condicións como creadores. O proxecto ‘Artistas marxinais: propostas de regulación xurídica para un colectivo esquecido’ pon o foco en tres grupos. En primeiro lugar, céntrase na arte creada por persoas con discapacidade intelectual, primordialmente en centros psiquiátricos ou ocupacionais; e tamén na arte creada por outras persoas con diferentes discapacidades, físicas e intelectuais. En segundo lugar, estudarase o fenómeno da arte urbana, tradicionalmente exercida por artistas plásticos dende a alegalidade e sen criterios xurídicos claros que aplicar. En último lugar, analizarase o caso dos artistas rueiros do ámbito escénico, especialmente os músicos. “As diferentes regulacións existentes, mesmo entre cidades próximas, ofrecen un panorama confuso, que nalgúns aspectos conviría harmonizar”, matiza a investigadora.
O proxecto partirá do estudo da escasa normativa existente e da situación real destes tres colectivos artísticos, ademais da análise comparada da lexislación e xurisprudencia internacional máis relevante. “Este é un incentivo moi grande para a miña carreira investigadora”, destacou Julia Ammerman ao coñecer a nova da concesión, “xa que por primeira vez vou dispor de fondos propios como investigadora principal dun proxecto”, engadiu. Ammerman é investigadora posdoutoral ‘Margarita Salas’ na Universidade de Santiago de Compostela. As bolsas Leonardo son outorgadas pola Fundación BBVA.