Un total de 172 estudantes da USC recibirán os Premios de Excelencia Académica
Un total de 434 estudantes recibirán os Premios de Excelencia Académica do curso 2020/21, 24 máis ca na convocatoria anterior, e dos cales, 172 pertencen á USC. A Xunta acaba de publicar no Diario Oficial de Galicia (DOG) a resolución pola que se conceden estes galardóns. Nas tres universidades públicas galegas a nota máxima acadada foi un 10. Na USC esta cualificación rexistrouse no grao en Filosofía.
O obxectivo destes premios é recoñecer o traballo das persoas que obtivesen as mellores cualificacións en cada un dos cursos de grao oficial no Sistema Universitario de Galicia (SUG), agás no último, no que o Goberno galego concede os premios de fin de carreira. Con esta liña de axudas o Goberno galego quere motivar o alumnado universitario para mellorar o seu currículo, poñendo en valor seu mérito e esforzo no estudo e a súa actitude de compromiso co seu proceso formativo. O premio ascende a 1.000 euros, cunha contía adicional de 500 euros para os 188 mellores expedientes. Así mesmo, cada persoa premiada recibe un diploma acreditativo desta distinción.
No cómputo total de persoas galardoadas, o 63,5% son mulleres e o 36,5% homes. Por rama de coñecemento, o 43% son estudantes de Ciencias Sociais, o 17% de Enxeñaría e arquitectura, o 14% de Ciencias da Saúde, o 14% de Artes e Humanidades e o 12% de Ciencias. De entre o resto de premiados/as, 123 proceden da UDC e 139, da UVigo.