Pasar al contenido principal

A Sociedade Europea de Biomateriais premia dúas teses doutorais do grupo I+D Farma

Entrega dos premios de doutoramento Julia Polack, no 32º Congreso Anual da Sociedade Europea de Biomateriais
Entrega dos premios de doutoramento Julia Polack, no 32º Congreso Anual da Sociedade Europea de Biomateriais
Clara López Iglesias e Víctor Santos Rosales reciben o Julia Polak Doctorate Award no 32º Congreso Anual desta entidade que reúne persoal científico, clínico, industrial e figuras expertas en regulación do ámbito

Os investigadores Clara López Iglesias e Víctor Santos Rosales recibiron o Julia Polak Doctorate Award no transcurso do 32º Congreso Anual da Sociedade Europea de Biomateriais celebrado en Burdeos, Francia. Estes premios distinguen teses de doutoramento que amosan resultados de alto nivel no eido dos materiais e da enxeñaría de tecidos e que teñan dado lugar a resultados de alto impacto. Ambos traballos foron realizados baixo a dirección dos profesores Carlos A. García González e Carmen Alvarez Lorenzo, do grupo I+D Farma da USC.

A tese de Clara López Iglesias céntrase no desenvolvemento de materiais nanoestruturados para o tratamento de feridas crónicas e a administración pulmonar de fármacos. Froito desta investigación, obtivéronse aeroxeles, uns materiais únicos e altamente porosos, que foron procesados mediante o emprego de diferentes tecnoloxías innovadoras en colaboración coa Technische Universität Hamburg (Alemaña) e coa Universidad Carlos III de Madrid. Clara López Iglesias está actualmente a realizar a súa investigación postdoutoral na Freie Universität de Berlín. (Alemaña).

A tese de Víctor Santos Rosales aborda o desenvolvemento de estratexias avanzadas de procesamento de biomateriais para a medicina rexenerativa ósea. A investigación permitiu o procesado en ausencia de disolventes de scaffolds óseos medicados empregando CO2 supercrítico como axente poróxeno, plastificante e esterilizante. Durante a súa elaboración, Víctor Santos Rosales realizou estadías de investigación na Universidade Católica Portuguesa (Portugal), na Université Toulouse III (Francia) e na empresa alemá Eurotechnica.

Clara López Iglesias, á esquerda, é unha das investigadoras premiadas no 32º Congreso Anual da Sociedade Europea de Biomateriais
Clara López Iglesias, á esquerda, é unha das investigadoras premiadas no 32º Congreso Anual da Sociedade Europea de Biomateriais
Los contenidos de esta página se actualizaron el 14.10.2022.