Pasar al contenido principal

Investigadores do Campus Terra revisan as infraestruturas de rega do Val do Lemos e actualizan a súa cartografía

Ferramentas informáticas para a visualización das infraestruturas do sistema de regadío
Ferramentas informáticas para a visualización das infraestruturas do sistema de regadío
O traballo desenvolvido polo grupo PROePLA da USC, que coordina o catedrático na EPS de Enxeñaría Manuel Marey, xunto coa Confederación Hidrográfica Miño Sil (CMHS) enmárcase no plan de aproveitamento agronómico integral do regadío na zona sur da provincia de Lugo
Lugo

O grupo de investigación Proxectos e Planificación (PROePLA) da Escola Politécnica Superior de Enxeñaría do Campus Terra da USC vén de realizar a revisión de todas as infraestruturas que compoñen o sistema de regadío do Val do Lemos, ao tempo que completaron unha cartografía actualizada que amplía datos e corrixe erros advertidos na documentación que ata o momento dispoñía a Confederación Hidrográfica Miño-Sil (CHMS). Estas actuacións forman parte do convenio asinado entre a USC e a organismo autónomo dependente do Ministerio para a Transición Ecolóxica e Reto Demográfico para a elaboración dun plan integral orientado a favorecer o aproveitamento agronómico sostible do regadío no Val do Lemos, un cometido que estará rematado en 2023 e ao que se destina un financiamento superior aos 290.000 euros.

A primeira das fases de actuación contempladas no acordo entre USC e CHMS botaron a andar a comezos do verán coa planificación dos traballos a cargo dos investigadores do grupo PROePLA, que coordina o catedrático do Departamento de Produción Vexetal e Proxectos de Enxeñaría Manuel Marey, e de persoal da Confederación Hidrográfica Miño Sil. Estas reunións preparatorias serviron para definir os criterios dun plan que pretende corrixir, actualizar e ampliar a cartografía da que dispón a CHMS, ademais de incorporar cada treito de 200 metros de canles e ou gabias, datos de sete variables: estado dos caixeiros, circulación de auga, nivel de deterioro das infraestruturas, vexetación arbustiva, vexetación herbácea, transportes e tipo de estrutura. A nova documentación actualizada incorporará tamén fotografías de cada treito, así como información referida á  data e hora das medidas e observacións realizadas.

Antes de comezar cos traballos, investigadores do grupo PROePLA da USC procesaron a cartografía dispoñible, para o que empregaron scripts de python, bash, pl/pgsql, servidores de bases de datos espaciais Postgresql/Postgis e consultas a APIs externas, tal e como é a da sede do Catastro de España. Este labor permitiu  acadar unha uniformización dos formatos, ademais de corrixir erros de topoloxía ou os datos aportados por sistemas de referencia espaciais xa obsoletos. Daquela, o resultado, salienta Manuel Marey, presentan unha base de datos estandarizada dos treitos de canles e gabias.

Os equipos de PROePLA implicados neste proxecto, no que tamén contaron co apoio de técnicos CHMS, empregaron para a toma de datos de campo diversos proxectos do sistema de información xeográfica libre para smartphones Qfield optimizados previamente na USC. Estas tarefas obrigaron asemade a que o persoal implicado percorrera a infraestrutura completa do regadío tomando anotacións con sus móbiles. As persoas implicadas nesta actuación realizaron 1.375 rexistros no terreo, revisaron 215 quilómetros de infraestruturas e xeraron máis de 10Gb de imaxes complementan a documentación.

A información obtida nesta primeira fase do proxecto foi sometida a controis internos de calidade, ademais de revisada e completada por personal da CHMS, sinala Marey, para logo engadir que todos os datos recabados integraron en proxectos de QGIS, a fin de facilitar o seu uso habitual por parte da CHMS. Para facilitar estas tarefas, o grupo PROePLA programou un visor interactivo que permite a consulta das fichas de cada treito.

Unha vez testados os avances desenvolvidos e logo de comprobar a utilidade dos procesos e das tecnoloxías de software libre empregadas, a Confederación Hidrográfica Miño Sil acordou que a USC, a través do grupo de investigación PROePLA achegara formación específica aos seus técnicos en aras a manter así un inventario dinámico actualizado do estado das infraestruturas do regadío do Val de Lemos.

 

Los contenidos de esta página se actualizaron el 17.10.2022.