Pasar al contenido principal

Unha ollada ao estudo de Mozambique da man de Francisco Noa

A Facultade de Filoloxía da USC acolle as visita do profesor Francisco Noa. FOTO: Andrés Fraga
A Facultade de Filoloxía da USC acolle as visita do profesor Francisco Noa. FOTO: Andrés Fraga
O recoñecido intelectual mozambicano ofrece esta semana na Facultade de Filoloxía diversas actividades coas que afondar no coñecemento da cultura e da literatura do seu país

A conferencia ‘As dinámicas do espazo e do tempo na literatura mozambicana’ abriu este luns ás 9 horas o programa de actividades que o investigador, ensaísta e escritor Francisco Noa impartirá na Facultade de Filoloxía os próximos días. Noa é unha figura referencial na análise cultural do mundo mozambicano dende a publicación da súa tese, ‘Literatura Colonial. Representação e Legitimação – Moçambique como invenção literaria’, en 2001, un estudo editado ao ano seguinte en Portugal co título de Império, Mito e Miopia. Moçambique como Invenção Literária e que marcou un antes e un despois no estudo deste campo.

Despois do relatorio, o programa de actividades da súa visita a USC, organizado pola Rede Galabra, continúa o martes 18 ás 10 horas na Sala A01, cun encontro con estudantes de Literaturas dos Países Africanos de Lingua Oficial Portuguesa (PALOP), e aínda prosegue a partir das 16 horas, na Sala B03 cun seminario sobre investigación en cultura e literatura de Mozambique. Todas as actividades son abertas á participación do público interesado.

Non é a primeira vez que o intelectual visita Compostela. Xa estivera na USC en 2019, daquela en calidade de reitor da Universidade Lúrio, para asinar un acordo de cooperación entre ambas as dúas institucións cuxos primeiros froitos viron a luz no pasado ano académico, coa graduación de dous estudantes de intercambio na Escola Politécnica de Lugo e na Facultade de Filoloxía. Ao abeiro dese mesmo convenio, agárdase este ano a chegada de dúas persoas docentes e investigadoras da UniLúrio.

Francisco Pedro dos Santos Noa

Ensaísta, crítico literario e profesor en universidades mozambicanas e no estranxeiro, Francisco Noa é un dos relevantes máis intelectuais de Mozambique. Investigador asociado na Universidade de Coimbra (Portugal), foi director e investigador do Centro de Estudos Sociais Aquino de Bragança (CESAB), en Maputo, e merecedor, en 2015, do Prémio BCI - AEMO (Associação de Escritores Moçambicanos) de Literatura, polo volume de ensaios Perto do Fragmento, a Totalidade. Olhares sobre a literatura e o mundo (Maputo: Ndjira, 2014). É tamén autor de Além do Túnel: Ensaios e Travessias (2020), Uns e Outros na Literatura Moçambicana – Ensaios (2016); A Letra, a Sombra e a Água. Ensaios & Dispersões (2008); A Escrita Infinita (1998) e Literatura Moçambicana – Memória e Conflito (1997), entre outras obras.

Los contenidos de esta página se actualizaron el 17.10.2022.