Pasar al contenido principal

Veterinaria aborda nun ciclo as melloras de produción no sector primario por aplicacións xenéticas e de biotecnoloxía

Imaxe de ovos embrionados nunha especie piscícola
Imaxe de ovos embrionados nunha especie piscícola
A especialista en viroloxía ambiental e biomédica Pilar Domingo Calap abre este xoves o programa de relatorios organizado polo grupo Acuigen da USC co apoio da Deputación de Lugo, no marco do que tamén intervirán a investigadora do CSIC María Saura Álvarez e a coordinadora do Laboratorio de Xenómica Eco-Evolutiva aplicada á Xestión Mariña de AZTI, Naiara Rodríguez-Ezpeleta
Lugo

As aplicacións xenéticas e de biotecnoloxía para a mellorar a produción, a xestión e a seguridade de especies de interese económico centran a temática do programa de relatorios organizado polo grupo Acuigen da Facultade de Veterinaria da USC que comezará o vindeiro xoves cun relatorio da especialista en viroloxía ambiental e biomédica Pilar Domingo Calap e que continuará o 2 de novembro con cadanseu relatorio a cargo da investigadora do CSIC Maria Saura Álvarez e da coordinadora do Laboratorio de Xenómica Eco-Evolutiva aplicada á Xestión Mariña do centro tecnolóxico vasco AZTI, Naiara Rodríguez-Ezpeleta.

A investigadora Ramón y Cajal no Instituto de Bioloxía Integrativa de Sistemas da Universidade de Valencia Pilar Domingo Calap abre o día 20, ás 11.45 horas, na sala de xuntas da Facultade de Veterinaria, este ciclo de divulgación científica que conta con apoio financeiro da Deputación Provincial de Lugo, co relatorio ‘Fagos contra superbacterias’. Nesta intervención, Domingo Calap explicará como o mal uso dos antibióticos ten favorecido a emerxencia de bacterias multirresistentes que hoxe en día constitúen un problema de saúde a nivel mundial. Ante a inexistencia de tratamentos dispoñibles e a necesidade de desenvolver terapias alternativas eficaces, esta investigadora falará dos fagos (virus de bacterias) como unha ferramenta prometedora contra a loita das bacterias multirresistentes, tanto a nivel clínico, como tamén no plano da prevención e mesmo do diagnósticos de infeccións bacterianas.

A segunda das charlas programadas neste ciclo desenvolverase no mesmo escenario universitario o mércores 2 de novembro, a partir das 11.00 horas. A científica titular do grupo de investigación Deseño e Xestión de Programas de Selección e Conservación  do INIA-CSIC María Saura Álvarez ofrecerá neste foro na Facultade de Veterinaria unha charla sobre como a xenómica ten transformado a acuicultura. De feito, na súa intervención, esta relatora salientará o potencial da acuicultura para satisfacer as necesidades mundiais de alimento, ao tempo que     fará fincapé nos grandes avances acadados nas tecnoloxías de secuenciación de xenomas e de xenotipado masivo.  

A especialista na aplicación de metodoloxías moleculares para la xestión e conservación de recursos pesqueiros Naiaria Rodríguez-Ezpeleta, quen tamén é a coordinadora do Laboratorio de Xenómica Eco-Evolutiva aplicada á Xestión Mariña do centro tecnolóxico vasco AZTI, pechará o 2 de novembro, tamén na sala de xuntas da Facultade de Veterinaria da USC, este ciclo de relatorios cunha intervención que se desenvolverá, a partir das 12.30 horas, baixo o título ‘Cara a unha xestión pesqueira baseada na xenética’. Na súa intervención, Rodríguez-Ezpeleta falará sobre a necesidade de explorar enfoques alternativos ou complementarios para mellorar as avaliacións da pesca, un campo no que a xenética, na súa opinión, ofrece alternativas rendibles respecto das prácticas tradicionais, a pesar de que estas novas posibilidades aínda non son unha realidade.

 

Los contenidos de esta página se actualizaron el 17.10.2022.