Pasar al contenido principal

Máis de 50 profesores de ensino medio de Galicia fórmanse na práctica investigadora no Campus Terra da USC a través das xornadas XuvenCiencia

Participantes nunha edición anterior das xornadas Xuvenciencia para Profesorado
Participantes nunha edición anterior das xornadas Xuvenciencia para Profesorado
As sesións incluídas no proxecto ‘Fago, logo aprendo!’ comezaron hoxe e continuarán os días 26 de outubro, 18 de xaneiro e 22 de marzo de 2019 no campus de Lugo

Máis de 50 profesores de ensinanzas medias en centros educativos dunha vintena de concellos das catro provincias galegas fórmanse na práctica investigadora nas V Xornadas XuvenCiencia para Profesorado, unha acción enmarcada no proxecto ‘Fago, logo aprendo!’, promovido polo grupo XuvenCiencia do Campus Terra da USC coa colaboración da Federación Española para a Ciencia e Tecnoloxía - Ministerio de Ciencia, Educación e Universidades, a través da última convocatoria de axudas para o fomento da cultura científica, tecnolóxica e da innovación. O profesorado inscrito nestas xornadas, que botaron a andar este venres na Facultade de Administración e Dirección de Empresas de Lugo e que terán continuidade no campus de Lugo os días 26 de outubro, 18 de xaneiro e 22 de marzo de 2019, recibirá ademais kits de experimentación desenvolvidos no marco de dito proxecto (XuvenCiencia na Aula) para achegar a práctica investigadora ao seu alumnado.

O obxectivo último de ‘Fago, logo aprendo!’, un proxecto impulsado polo grupo XuvenCiencia que coordina a profesora da USC na Facultade de Ciencias de Lugo Mercedes Novo e no que están implicados outros dez docentes do campus de Lugo da USC, é o de iniciar ao alumnado de secundaria e bacharelato no método e na práctica investigadora a través de kits de experimentación desenvolvidos por investigadores da USC e baixo a titoría de profesores de ensino medio que reciben formación e apoio dos docentes universitarios.

Daquela, as xornadas XuvenCiencia para Profesorado, que inclúen charlas e sesións informativas sobre investigacións multidisciplinares e de interese xeral, accións de difusión da ciencia e mesmo obradoiros experimentais e análise de resultados, constitúen a primeira das dúas accións de ‘Fago, logo aprendo!’. A través destas sesións, o profesorado participante entra en contacto coa investigación que se fai na súa contorna máis próxima, ademais de iniciarse na metodoloxía investigadora a través de cinco kits educativos cos que logo traballarán nas aulas co alumnado de ensino medio.

Os kits desenvolvidos polos investigadores de XuvenCiencia buscan promover nos mozos a capacidade de observación, a capacidade de resolución de problemas e a creatividade como habilidades primordiais nun/a investigador/a. Por iso, propóñense actividades guiadas, pero suficientemente abertas para que o alumnado poida probar e dar paso á súa curiosidade. As actividades van acompañadas de explicacións dos conceptos teóricos implicados en cada caso que se discutirán na aula.

Kits educativos

Os kits educativos incluídos neste proxecto de XuvenCiencia abranguen temáticas diversas, polo que dan cobertura aos distintos itinerarios formativos que pode cursar o alumnado preuniversitario. Daquela, os participantes poderán coñecer e familiarizarse con este novo material docente e de experimentación presentado en formato de kit, tales como Animal CSI, Aqualab, Photonics Explorer, Vitroplant e RescueMe.

Animal CSI ‘Iniciación ao diagnóstico veterinario’ é unha proposta ideada por profesorado das áreas de Patoloxía Animal e Ciencias Clínicas Veterinarias, a través da que se pretende iniciar á mocidade no estudo da anatomía e a bioloxía celular, ademais de favorecer a adquisición de competencias básicas e científicas mediante a realización de técnicas de investigación en laboratorio de forma autónoma.

El Kit Vitroplant ‘Multiplicación de árbores por cultivo in vitro’, elaborado por profesorado do área de Produción Vexetal da USC, inclúe actividades educativas para iniciarse no cultivo in vitro de árbores e conta con material, instrución e táboras de recollidas de datos en formato científico acaídas para o desenvolvemento de diversas tarefas.

Photonics Explorer ‘Luz, color e vida’ é unha adaptación do kit Photonics Explorer desenvolvido no proxecto europeo GoPhoton! e que xa foi usado por máis de medio millón de estudantes na UE. Trátase dunha proposta de profesorado da área de Química Física orientada a espertar vocacións no eido das ciencias e das enxeñarías. O kit inclúe compoñentes ópticos, como láseres, lentes, LEDs... e material didáctico modular e adaptable que permiten a realización de diversas actividades.

AquaLab ‘Sensores de medida de humidade no solo’ é un kit desenvolvido por profesorado da área de Enxeñaría Agroforestal que permite aos usuarios facer un balance hídrico dun solo de xeito sinxelo nunha maceta. Inclúe o material preciso para montar o sensor de humidade do solo, proceder á súa calibración e realizar un balance hídrico para estimar a perda de auga por evaporación, o contido de auga do solo por pesada, a auga aplicada e a drenaxe.

Alén dos ámbitos científico-técnicos, o kit RescueMe ‘¡Protagoniza tu historia! Fontes orais e ciencia’ é a un proxecto desenvolvido por docentes das áreas de Historia Contemporánea e Antropoloxía Social e está baseado no rexistro de memoria e na recollida e recuperación de testemuños e vivencias que aporten datos significativos ao coñecemento histórico e cultural. Esta proposta afonda no manexo das TICs como clave fundamental nun proceso de aprendizaxe e de adquisición de experiencia.

Los contenidos de esta página se actualizaron el 19.10.2018.