Pasar al contenido principal

O CISPAC presenta a súa actividade cunhas xornadas de diálogo para a transferencia en transición ambiental

De esquerda a dereita, Lourenzo Fernández Prieto, Antonio López Díaz, Saskia Sassen, Laura Oso e Julio Abalde. FOTO: Santi Alvite
De esquerda a dereita, Lourenzo Fernández Prieto, Antonio López Díaz, Saskia Sassen, Laura Oso e Julio Abalde. FOTO: Santi Alvite
Este centro interuniversitario do que forma parte a USC desenvolve as sesións ata o vindeiro venres 21
Santiago de Compostela

O Centro de Investigación Interuniversitario das Paisaxes Atlánticas Culturais (CISPAC), no que participa a USC, celebra dende este mércores 19, unhas xornadas centradas nas paisaxes atlánticas resilientes en transición ambiental. O centro, ao que se incorporaron no mes de xuño máis de 80 investigadores e investigadoras das tres universidades galegas, protagoniza este espazo de encontro no Edificio Fontán, na Cidade da Cultura, ata o día 21 de outubro. O evento desenvólvese en cinco sesións que combinarán conferencias maxistrais con mesas redondas de diálogo.

O CISPAC pretende ser referente no panorama internacional das humanidades e das ciencias sociais, abordando un estudo transdisciplinar a través de cinco campos de traballo: paisaxes que teñen xente, paisaxes que producen, paisaxes gobernadas, paisaxes que teñen patrimonio e paisaxes visitadas.

Na inauguración das xornadas participou o reitor da USC, Antonio López; o ministro de Universidades, Joan Subirats Humet, que interveu en liña; o reitor da UDC, Julio Abalde; Saskia Sassen, socióloga da Columbia University e premiada co Príncipe de Asturias no ano 2013; e os catedráticos Lourenzo Fernández Prieto e Laura Oso, director e directora adxunta do CISPAC, respectivamente.

Nas diferentes sesións trátanse asuntos relacionados coa demografía, a transición ambiental, o patrimonio atlántico ou a globalización. Haberá tamén representación do Instituto Universitario di Firenze, da Universitat de Barcelona ou da Universidade de Lisboa, entre outras. O evento permanece aberto ao público baixo inscrición previa.

Los contenidos de esta página se actualizaron el 19.10.2022.