Pasar al contenido principal

Un congreso profunda na relevancia política, económica e social das contemporáneas de Juana de Vega

De esquerda a dereita, Enrique Sáez, Pilar Murias, Luisa Muñoz e Xosé Ramón Veiga. FOTO: Santi Alvite
De esquerda a dereita, Enrique Sáez, Pilar Murias, Luisa Muñoz e Xosé Ramón Veiga. FOTO: Santi Alvite
O foro estenderase ata este venres 21 e permitirá dar “visibilidade a mulleres que durante o século XIX e ata 1939, foron determinantes nun proceso, aínda hoxe inconcluso, de normalización da súa presenza en todo tipo de contextos”
Santiago de Compostela

A Cátedra Juana de Vega de estudos de xénero e o Departamento de Historia da USC organizan o congreso internacional ‘Contemporáneas: políticas, traballadoras e construtoras de sociedade’ que botou a andar na Facultade de Filosofía este xoves 20. Coa vontade de conmemorar o 150 aniversario da morte de Juana de Vega, este foro pretende, dende unha tripla perspectiva —política, económica e social—, contribuír a mellorar e difundir o coñecemento sobre as mulleres contemporáneas desta escritora e activista liberal. Un total de sete relatoras e preto dunha trintena de comunicantes danse cita neste congreso que se estende ata o venres 21.

O acto inaugural estivo presidido pola vicerreitora de Estudantes e Cultura, Pilar Murias. Xunto a ela, interviñeron Luisa Muñoz, directora da Cátedra Juana de Vega; Enrique Sáez Ponte, presidente do padroado da Fundación Juana de Vega; e o profesor da USC, Xosé Ramón Veiga.

Programa

O congreso organízase en tres sesións ‘Mulleres e política’, ‘Mulleres e economía’ e ‘Mulleres e sociedade’. En cada sesión, serán presentados diversos relatorios e comunicacións con investigacións recentes “que darán visibilidade a mulleres que durante o século XIX e ata 1939, foron determinantes nun proceso, aínda hoxe inconcluso, de normalización da súa presenza en todo tipo de contextos sociais, políticos, económicos e culturais”, apuntan dende a organización do evento.

No programa destacan reputadas investigadoras sobre a historia das mulleres na historiografía española, como é ocaso de María Cruz Romeo, catedrática da Universidade de Valencia; Marta del Moral Vargas, profesora da Universidade Complutense de Madrid; Carmen Sarasúa, catedrática da Universidade Autónoma de Barcelona; Cristina Borderías, catedrática da Universidade de Barcelona; Ana Aguado, catedrática da Universidade de Valencia; Teresa María Ortega, catedrática da Universidade de Granada, e a recoñecida antropóloga canadense e catedrática da Memorial University, Sharon Roseman. Esta última pronunciará o relatorio de clausura que leva por título ‘A mirada etnográfica e as mulleres galegas’.

Legado crucial

“Este encontro conforma unha excelente oportunidade para achegarse de primeira man aos variados campos temáticos que se abordan dende a historia das mulleres”, apuntan dende a organización do congreso. O foro forma parte do amplo abano de actividades culturais que a Cátedra Juana de Vega e a propia Fundación Juana de Vega están a acometer para promover o debate e a reflexión sobre a historia das mulleres e o periplo vital e a obra da benfeitora da que toman o nome e asumen o seu legado.

Juana de Vega participou en investimentos ferroviarios, comprando accións en bancos e empresas,  e aumentando, deste xeito, a súa riqueza familiar. Sendo filla única e sen descendencia, dedicou parte deste capital a diversas actividades que modernizaron a actividade económica do país. Creou unha granxa escola agraria, impulsou varios centros benéficos galegos e desenvolveu múltiples iniciativas educativas, “colaborando para trazar unha caridade liberal a través da incorporación da muller á actividade social”, engaden dende a organización do congreso. 

Los contenidos de esta página se actualizaron el 20.10.2022.