Olfacto, un ‘sentido de narices’ que determina identidades e gustos a través da súa conexión directa co cerebro
O olfacto é un ‘sentido de narices’, aínda que non por cuestións relacionadas co apéndice externo que caracteriza a fisionomía dos seres humanos, en particular, senón pola capital incidencia que ten na vida e nas propias relacións sociais das persoas un sentido químico que permite a identificación a través da existencia dunha “pegada olfactiva única” e que determina en grande medida a apreciación ou o rexeitamento dos gustos grazas á súa conexión directa co cerebro. A investigadora do grupo Morfoloxía Animal (Morfan) da Facultade de Veterinaria do Campus Terra da USC, Irene Ortiz Leal, salientou este xoves a importancia, crecente, se cabe, dos chamado sentidos químicos (olfacto e gusto) no marco dun taller sensorial celebrado na Facultade de Ciencias e no que tomaron parte preto de 30 estudantes dos graos de Bioquímica e Nutrición Humana e Dietética.
Os obradoiros de olfacto e gusto promovidos polo grupo Morfan da USC xunto coa Rede Olfactiva Española (ROE) grazas ao apoio financeiro recibido da Deputación Provincial de Lugo, pretenden trasladar ao estudantado e á poboación en xeral información e coñecemento respecto das funcións vitais que desenvolven e nas que interveñen o sentido do gusto e, sobre todo, do olfacto.
A investigadora Irene Ortiz Leal, quen está especializada no estudo da neuroquímica do olfacto nun amplo rango de mamíferos que abranguen desde a especie humana a cánidos domésticos e mesmo a roedores de laboratorio, abriu o obradoiro sensorial na Facultade de Ciencias cunha breve introdución teórica respecto dos sentidos químicos.
Na súa intervención, elaborada xunto coa investigadora do Instituto Cajal de Madrid e presidenta da ROE, Laura López Mascaraque, a tamén titulada en Farmacia e Veterinaria, puxo en valor as prestacións que ofrece ao sentido do olfacto e as súas potencialidades para servir de ferramenta acaída para detectar e mesmo diagnosticar doenzas como o cancro ou a diabetes. A existencia dunha pegada olfactiva única que replica o xenoma e que permite a súa identificación e diferenciación respecto dos demais membros da comunidade, foron algunhas das cuestións tratadas por Ortiz Leal.
O olfacto é o único sentido conectado directamente co cerebro, sen ningún tipo de filtro, e o único tamén que evoca lembranzas de persoas, amizades, espazos... As persoas somos capaces de percibir e diferenciar millóns de olores, aromas..., pero aínda non contamos cun vocabulario específico, o que constitúe unha mágoa, dixo.
A investigadora do grupo Morfoloxía Animal da USC aproveitou tamén a charla introdutoria para achegarse ao sentido do gusto, unha sensación que se percibe a través da lingua de forma conxunta, e non en función de áreas, tal e como se cría. Ademais, indicou, “o 70% do gusto non se percibe a través das papilas gustativas da lingua, senón a través do olfacto e incluso do tacto”, comentou.
Taller no IES Lucus Augusti
O obradoiro olfactivo e de gusto celebrado este xoves na Facultade de Ciencias é a segunda das catro sesións programadas desde o grupo Morfan da USC, que este venres 21 de novembro desenvolverá unha actividade semellante con alumnado do IES Lucus Augusti. Asemade, logo dunha primeira sesión celebrada no IES Politécnico, a Facultade de Ciencias acollerá o 4 de novembro, de 16.00 a 17.30 horas una nova edición deste taller, que está aberto á participación de todo o público. As persoas interesadas poden formalizar a súa inscrición de balde a través do enderezo de correo electrónico pablo.sanchez [at] usc.es (pablo[dot]sanchez[at]usc[dot]es).