Pasar al contenido principal

USC e RAG estrean ‘Superheroínas’, sete novas voces femininas que promoven o uso cotián do galego

O vicerreitor de Profesorado, a decana de Ciencias da Comunicación e o presidente da RAG posaron coas protagonistas da serie. FOTO: Santi Alvite
O vicerreitor de Profesorado, a decana de Ciencias da Comunicación e o presidente da RAG posaron coas protagonistas da serie. FOTO: Santi Alvite
A cociñeira Lucía Freitas, a poeta Alba Cid, a cantante Andrea Pousa, a creadora de videoxogos Laksmy Irigoyen, a xornalista Esther Estévez, a instagramer Paula Jorge Horta e a fotógrafa Antía Castro protagonizan a nova serie realizada no marco do proxecto ‘Novas voces para a lingua’
Santiago de Compostela

“O futuro é galego, e o futuro é en feminino”, conclúe a cociñeira Lucía Freitas en ‘Superheroínas’. A afirmación podería ser o lema da segunda serie que a USC e a Real Academia Galega presentaron este mércores, 2 de novembro, na Facultade de Ciencias da Comunicación. A produción audiovisual realizouse no marco do proxecto ‘Novas voces para a lingua’, impulsado por ambas as institucións para outorgar visibilidade e promover o uso cotián do galego entre a mocidade dándolles voz a novos creadores e creadoras. Nesta segunda tempada as protagonistas son a poeta Alba Cid, a cantante Andrea Pousa, a creadora de videoxogos Laksmy Irigoyen, a xornalista Esther Estévez, a instagramer Paula Jorge Horta, a fotógrafa Antía Castro e a propia Lucía Freitas, nunha proposta de pezas breves dirixida por José Manuel Diego Ferreira, alumno de 4º de Xornalismo no momento en que se levou a cabo como parte do seu traballo fin de grao (TFG).

O vídeo da cociñeira distinguida cunha estrela Michelin pode xa verse xa na canle de YouTube da USC. Nas vindeiras semanas iranse estreando os demais episodios dunha serie que pretende “desacralizar e levar a contraria”, explica o director. “Levámoslles a contraria aos medios de comunicación porque non nos dan oco á xente nova. Ademais é un proxecto que lle leva a contraria a ese discurso de lingua como peza de museo, e é un proxecto que busca apoderar a muller, que busca amosar unha muller que usa o idioma no seu día a día”, enumera José Manuel Diego Ferreira no vídeo de presentación da serie.

Lucía Freitas (Santiago de Compostela, 1982) reivindica en ‘Superheroínas’ o traballo feminino, a cociña galega e a lingua do país. “Cociñamos Galicia”, di da nova fornada de cociñeiros e cociñeiras de éxito. Alba Cid (Ourense, 1989), galardoada co premio nacional para poetas menores de 31 anos do Ministerio de Cultura, confesa que a escolla do galego como lingua de expresión literaria foi froito dun “exercicio de claridade e de coherencia” consigo mesma. “A min o galego abriume portas en todos os países lusófonos”, engade a cantante Andrea Pousa (Tomiño, 1990). Laksmy Irigoyen (Maó, 1979, con raíces en Salvaterra de Miño), produtora xefa do videoxogo The Waylanders, inspirado na Compostela medieval, reflexiona tamén sobre o valor engadido da lingua e da cultura propias na creación de contidos exportables e de éxito; a instagramer Paula Jorge Horta (Burela, 1989) réstalles importancia aos comentarios nas redes sociais baseados nos prexuízos lingüísticos; Esther Estévez (Verín, 1997) fala da súa experiencia á fronte do programa da TVG Dígocho Eu e Antía Castro (Santiago de Compostela, 1999), veciña de Vedra e superheroína máis nova, define a lingua como a súa fonte de inspiración e parte esencial da súa identidade persoal.

Presentación ante o alumnado

O vicerreitor de Profesorado da USC e académico correspondente, Ernesto González Seoane; o presidente da Real Academia Galega, Víctor F. Freixanes; a decana de Ciencias da Comunicación, Ana Isabel Rodríguez Vázquez; e cinco protagonistas da serie e o seu director participaron este venres na presentación celebrada no centro. Foi un acto que contou coa asistencia do alumnado, o zume do que se nutre ‘Novas voces para a lingua’ a través de traballos fin de grao, titorizados dende a propia Facultade e que contan tamén co apoio da RAG en distintas fases da produción e da realización.

Ana Isabel Rodríguez salientou a confianza que a RAG depositou na Facultade, permitíndolle abrir un camiño que é “un valor engadido na motivación do alumnado ao sentirse partícipe dun proxecto que, desde a definición inicial, ten xa un marcado horizonte na difusión real”. “Isto desenvolve non só a ilusión e o interese, senón tamén a responsabilidade de aprender nas aulas todo o necesario que permita ofrecer produtos cun acabado de calidade, tanto nos contidos como na estética final. E facelo, ademais, contribuíndo a un ben final común: o compromiso coa lingua”, detalla.

“Este acordo entre a Real Academia Galega e a Facultade de Ciencias da Comunicación da USC nace coa intención de darlles voz aos novos creadores e creadoras que, no ámbito da comunicación e do audiovisual, queren amosar o seu compromiso coa lingua galega”, lembra Víctor F. Freixanes. “Escollemos alumnos e alumnas que se gradúan na facultade con TFG. Nesta segunda entrega, eliximos sete producións breves de José Manuel Diego porque reflicten unha nova realidade: mulleres novas que dende distintas actividades e coñecementos se manifestan abertamente a prol da práctica do idioma galego, algo que define con esperanza un horizonte novo”, xustifica. O presidente da RAG agradece a implicación da decana, titora do proxecto, que na primeira edición contou coa colaboración do profesor Gaspar Broullón e desta volta coa da profesora Alba Silva.

O acto contou tamén coa intervención de Xurxo Salgado, profesor coordinador de ‘Neofalantes’, o proxecto que protagonizará a terceira edición de ‘Novas voces para a lingua’; e coa presenza de parte do equipo de Conseguiremos, a primeira produción da RAG e a USC no marco deste acordo. A serie, dirixida por Paula Quiroga, guionizada por Lois Alcayde e producida por Meritxell Álvarez, foi protagonizada pola futbolista Vero Boquete en conversa con Víctor Pérez Currás; os músicos Baiuca e Laura Lamontagne; o director de cine Andrés Goteira e Sara Hermo; as actrices e dramaturgas da Panadaría Teatro e o tamén actor Daniel Celester, e a psiquiatra e divulgadora científica Iria Veiga acompañada do xenetista Ángel Carracedo. Tanto ‘Superheroínas’ como ‘Conseguiremos’ son proxectos realizados co apoio económico da Xunta de Galicia.

SUPERHEROÍNAS Lucía Freitas
Los contenidos de esta página se actualizaron el 02.11.2022.