Pasar al contenido principal

‘Cajal: esas bolboretas da alma’ rende tributo á vida e obra do premio Nobel español, Santiago Ramón y Cajal

A mostra bota a andar nun ano no que se celebra o 170 aniversario do nacemento e o centenario da xubilación de Santiago Ramón y Cajal. FOTO: Santi Alvite
A mostra bota a andar nun ano no que se celebra o 170 aniversario do nacemento e o centenario da xubilación de Santiago Ramón y Cajal. FOTO: Santi Alvite
A mostra pode ser visitada ata o mes de decembro na Facultade de Medicina e Odontoloxía da USC
Santiago de Compostela

Fragmentos da vida e obra do Nobel español considerado o “pai da neurociencia” poden verse na Facultade de Medicina e Odontoloxía da USC ata o mes decembro grazas á exposición ‘Cajal: esas bolboretas da alma’. 

Comisariada a nivel local polos investigadores do Centro Singular de Investigación en Medicina Molecular e Enfermidades Crónicas da USC (CiMUS), o profesor José Luis Labandeira García e a profesora Ana Isabel Rodríguez Pérez, a exposición bota a andar nun ano no que se celebra o 170 aniversario do nacemento e o centenario da xubilación de Santiago Ramón y Cajal. Por estes dous aniversarios, o 2022 é o Ano da Investigación Ramón y Cajal.

Esta mostra pretende render tributo á vida e obra do premio Nobel español e achegar a estudantes e público en xeral a súa prolífica traxectoria científica e artística a través de facsímiles de debuxos científicos de autor, cuxa recompilación foi realizada pola profesora Rosario Moratalla, do Instituto Cajal do CSIC. O título evoca o nome co que o Nobel denominaba as neuronas piramidais (bolboretas), relacionadas coa plasticidade cerebral e a cognición.

Los contenidos de esta página se actualizaron el 24.11.2022.