Pasar al contenido principal

O CulturaLab afonda no perfil profesional da xestión cultural con encontros de traballo con referentes do sector

Participantes nunhas das xornadas sobre Xestión Cultural celebradas en Humanidades
Participantes nunhas das xornadas sobre Xestión Cultural celebradas en Humanidades
Patricia Hermida, Xosé Manuel Aldea, Aitana Cuétara e Henrique Alvarellos achegan en Humanidades a súa experiencia ao alumnado do grao en Xestión Cultural e do mestrado en Servizos Culturais da USC a través do programa Bíos, cuxas sesións se desenvolverán os días 11 e 18 de novembro
Lugo

O CulturaLab da USC afonda no perfil profesional da xestión cultural co programa Bíos, no marco do que catro xestores culturais que hoxe son referentes no ámbito da industria cultural galega, darán conta das súas respectivas experiencias e traxectorias a través de dous encontros de traballo con alumnado do grao en Xestión Cultural e do mestrado en Servizos Culturais que se desenvolverán os días 11 e 18 de novembro na Facultade de Humanidades do Campus de Lugo. As sesións tamén están abertas á participación de todo o público interesado.

A presidenta da Asociación Galega de Empresas Musicais (AGEM) e manager de dotbeat!, Patricia Hermida, e o socio fundador director da consultora Ouvirmos e excoordinador do Culturgal, Xosé Manuel Aldea, abren este venres, a partir das 16.30 horas, a primeira das sesións participativas deste ciclo, financiado cunha achega económica recibida da Deputación Provincial de Lugo. O programa Bios do CulturaLab terá continuidade o venres 18 de novembro, cun novo encontro no que intervirán como relatores Aitana Cuétara, quen desde 2015 dirixe a axencia Luneda Producións, unha firma adicada ao booking, a produción e a xestión de programacións que está especializada sobre todo nas músicas tradicionais e populares e no jazz, e o tamén empresario, editor e escritor Henrique Alvarellos, que desde 2020 preside a Asociación Galega de Editoras (AGE).

A coordinadora do mestrado en Servizos Cuturais da Facultade de Humanidades da USC, Carme Silva Domínguez, sinala que o obxectivo do programa Bíos do CulturaLab, non é outro que o de reflexionar sobre a realidade da xestión cultural e do perfil profesional asociado a esta, ademais de dar a coñecer os múltiples nichos de emprego que ofrece a industria cultural a través das experiencias biográficas dalgúns dos actuais referentes deste eido no panorama galego.

Estruturado en dous encontros de traballo moderados por un docente da Facultade de Humanidades e emitidos por streaming, o programa Bíos do CulturaLab do mestrado en Servizos Culturais antóllase como unha palestra aberta para reflexionar sobre as ideas individuais e xeneralizadas sobre a xestión cultural e a industria cultural, así como respecto das posibilidades de emprego que ofrece o sector, a dimensión profesional, a actividade laboral propiamente dita e tamén sobre aspectos relativos á formación regrada e non regrada das persoas implicadas ou relacionadas co ámbito da xestión cultural.

Los contenidos de esta página se actualizaron el 09.11.2022.