Pasar al contenido principal

Estudantes de Formación do Profesorado presentan na Biblioteca Provincial ‘Un paseo pola historia da educación en feminino’

Cartaz da mostra 'Educación en feminino, un paseo pola historia'
Cartaz da mostra 'Educación en feminino, un paseo pola historia'
A mostra, elaborado por alumnado do centro universitario lugués co gallo da celebración do Día Internacional da Muller, permanecerá exposta ata o 17 de marzo

A Biblioteca Provincial de Lugo amosa ata o 17 de marzo no seu vestíbulo a mostra ‘Educación en feminino, un paseo pola historia’, unha exposición coa que o alumando da Facultade de Formación do Profesorado do campus de Lugo rescata do esquecemento e pon en valor a fonda pegada que deixaron no ámbito educativo unha escolma de mulleres ou colectivos de mulleres educadoras máis sobranceiras na historia de Galiza e de todo o mundo.

Esta obra colectiva, organizada co gallo da celebración do Día Internacional da Muller, está composta por pósters sobre educadoras senlleiras elaborados por alumnado da materia Teoría e Historia da Educación Escolar na Facultade de Formación do Profesorado de Lugo, que se completan coa achega de cumprido material bibliográficos de ou sobre as persoas seleccionadas.

A mostra, de acceso libre e de balde ata o 17 de marzo no vestíbulo da Biblioteca Provincial de Lugo, é o resultado dunha iniciativa académica que, ano tras ano, desenvolve o alumnado da materia Teoría e Historia da Educación Escolar no campus lugués e que cada ano rescata para a actualidade un abano de educadoras cada vez máis amplo.

Daquela, o paseo pola historia da educación en feminino proposto este ano polo alumnado de Formación do Profesorado pon o foco en Ángela Ruíz Robles, Anne Sullivan e Hellen Keller, Antía Cal, Bibiana Marful Castañal, Camino Pereiro González, Concepción Arenal, Elisa Sánchez Loriga e Marcela Gracia Ibeas, Ellen Key, Helen parkhurst, Hipatia de Alexandría, Jeanne de Lestonnac, Josefina Aldecoa, Juana de Vega, María Barbeito, María de Maetzu, María Montessori, María Sánchez Arbós ou nas Mestras da II República.

As mestras da montaña luguesa, simbolizadas na figura de Alicia López Pardo, Nadezhda Krupskaya, as Orientadoras de Preescolar na casa (Ermitas Fernández Fernández e Marisol Fernández Rocha), Rocío Ramos-Paúl, Rosa Sensat ou Sofía Kovalévskaya e María Wonenburger completan a relación de nomes e de legados recoñecidos nunha mostra elaborada baixo a coordinación do profesor da USC Francisco Xosé Candia Durán.

Los contenidos de esta página se actualizaron el 04.03.2019.