Pasar al contenido principal

“Xa vivimos nos efectos do cambio climático e a situación vai empeorar nas próximas décadas”

O congreso serviu tamén para reivindicar a necesidade de “seguir mellorando os sistemas de alerta e os avisos á poboación na xestión do risco de desastres”. FOTO: Santi Alvite
O congreso serviu tamén para reivindicar a necesidade de “seguir mellorando os sistemas de alerta e os avisos á poboación na xestión do risco de desastres”. FOTO: Santi Alvite
Os profesores da USC Dominic Royé e Alberto Martí Ezpeleta alertan de que o incremento do quecemento global está a resultar “catastrófico para a saúde, a economía e os sistemas naturais”
Santiago de Compostela

“Atopámonos nun período de emerxencia climática no que é necesario actuar canto antes”, así o afirman os profesores da USC, Dominic Royé e Alberto Martí Ezpeleta. “A actual década é fundamental para tomar con urxencia medidas de mitigación” que axuden a non exceder os 1,5º/2º acordados no cumio de París en referencia ao quecemento global, “pois os efectos serían catastróficos para a saúde, a economía e os sistemas naturais”. Este chamamento constitúe a principal achega do Congreso Internacional da Asociación Española de Climatoloxía que se desenvolveu na USC no mes de outubro e cuxas conclusións acaban de ver a luz. “Xa vivimos nos efectos do cambio climático e os modelos indícannos que a situación vai empeorar nas próximas décadas”, explican os investigadores.

O clima en España é cada vez máis cálido ao comparalo cos períodos 1960-1990 e 1990-2020. De feito, segundo os datos rexistrados pola Axencia Estatal de Meteoroloxía, as temperaturas máximas medias anuais incrementáronse 0,75º, e 0,73º as mínimas. “Os maiores aumentos producíronse na metade oriental peninsular, na área mediterránea, o cal podería deberse ao efecto de quecemento do Mediterráneo que repercute nas temperaturas das rexións próximas. A influencia do océano Atlántico, con temperaturas superficiais máis frías, parece atenuar a magnitude do incremento térmico nas áreas máis próximas a este océano”, engaden os investigadores para despois facer tamén fincapé en que, no contexto europeo, “este verán foi o peor dende que hai rexistros en temperaturas”.

Vagas de calor e secas

Na actualidade, os veráns están a alongarse un mes máis con respecto á media do período 1970-2000. Deste xeito, tal e como se pon de manifesto nas conclusións do foro, o verán de 2022 rexistrou 19 días de media de vaga de calor en España. “No período 1970-2000 a media en España era de 1,7 días. Os días de calor este verán multiplicáronse por 11 con respecto a hai 20 anos”, segundo un dos estudos presentados no congreso. “Rexistráronse valores térmicos excepcionais e anómalos dende o mes de maio ata o mes de outubro. Superáronse os récords históricos (diarios e mensuais) en varios meses de 2022 e en moitos lugares de España e Europa. O vivido este verán é un síntoma do cambio climático”, explican os profesores Royé e Martí.

“En Galicia espéranse períodos de seca máis dilatados no tempo, vagas de calor máis longas e intensas, precipitacións concentradas en menos días ao ano e condicións máis favorables para os incendios”, advirten os profesores da USC. O incremento de días con perigo alto e extremo de incendios en Galicia sería de 5 a 10 cun incremento de temperatura do 1,5º; de 10 a 20 días, cun ascenso térmico de 2º; e máis de 20 días, cun incremento de 3º. As áreas do interior de Lugo e Ourense poderían ser máis susceptibles a estes cambios. A Península Ibérica, Turquía e Grecia son as áreas onde se incrementaría máis o risco de incendio na contorna europea.  

Royé e Martín destacan que se prevé un incremento da intensidade e persistencia dos episodios de seca na Península Ibérica para un futuro de medio prazo, así como en Canarias. Nos últimos 40 anos rexistrouse unha tendencia de aumento de secas no Pirineo central. De feito, “toda a Unión Europea sufriu unha situación de risco de seca severo ou extremo sen precedentes a nivel europeo”, sinalan para despois engadir que se trata dun "dos peores anos en superficie queimada da historia en Europa”, matizan.

Solucións para o estrés térmico

O fenómeno da illa de calor urbana —diferenza de temperatura entre o centro urbano e a periferia— é común en todas as cidades, grandes e pequenas. Os centros urbanos convértense en espazos máis vulnerables durante os episodios de calor, provocando un maior estrés térmico aos seus habitantes. O risco para a saúde por altas temperaturas é moito menor en áreas periféricas das cidades e, especialmente, en espazos rurais. A intensificación de episodios de calor e estrés térmico no centro das cidades fai necesarias, tal e como se reivindicou no marco do congreso, medidas de mitigación. “Entre outras poderían incluírse a reforestación urbana —o que favorecería o descenso da temperatura, mellor calidade do aire e captura de CO2—, a utilización de materiais que reflictan unha maior porcentaxe de enerxía solar, ou as azoteas verdes, que diminúan considerablemente a temperatura a través da evapotranspiración”, subliñan as conclusións do congreso. As rexións con veráns frescos case triplican a súa vulnerabilidade aos episodios de calor en comparación coas rexións de contornas tépedas e áridas, que están máis aclimatadas ás temperaturas extremas.

Precipitacións

O sur de Europa é a zona que experimentará unha maior redución das precipitacións. Comparado co período 1981-2010, no sur de España, cun incremento do 3º de temperatura, o descenso sería superior ao 15%; en Galicia o descenso podería situarse  en torno ao 10%. Tamén se observa unha tendencia decrecente do número de días con espesores de neve igual ou inferiores a 20 centímetros nas estacións entre 1.600 e 1.900 metros, no Pirineo central, o que implica efectos adversos para as reservas de auga e para os deportes de inverno.

Nos últimos 50 anos produciuse un aumento da superficie con climas áridos na España peninsular e unha diminución da área ocupada polos climas fríos, substituídos por climas tépedos, con consecuencias negativas para os ecosistemas e a biodiversidade. “Nos últimos anos, os episodios máis extremos asociados a grandes borrascas de orixe mediterránea ou atlántica están a aumentar a súa probabilidade, así como a precipitación acumulada nos devanditos episodios”, subliñan. Os investigadores constatan un incremento de episodios de precipitación torrencial no sur de España. De feito, nos últimos 70 anos, rexistrouse un incremento das DANAS no hemisferio norte, así como un aumento da actividade ciclónica na conca do Atlántico norte. O aumento da temperatura oceánica superficial podería estar detrás destes fenómenos.

Sistemas de alerta

O congreso serviu tamén para reivindicar a necesidade de “seguir mellorando os sistemas de alerta e os avisos á poboación na xestión do risco de desastres”, así como “ir adaptando os cultivos ás novas condicións climáticas futuras”. Os investigadores subliñan a grande importancia do Pacto Mundial dos Alcaldes polo Clima e a Enerxía para a adaptación e mitigación, creado en 2008. Na actualidade consta de 10.500 cidades de 140 países. O seu principal obxectivo é a avaliación de riscos e da vulnerabilidade climática, e a proposta de accións de mitigación e adaptación.

Los contenidos de esta página se actualizaron el 14.11.2022.