Pasar al contenido principal

Entregados os premios da oitava edición do Concurso Literario Mazarelos

Foto de familia cos premiados e premiadas. FOTO: Santi Alvite
Foto de familia cos premiados e premiadas. FOTO: Santi Alvite
Os autores premiados na modalidade aberta foron Gael Uxío Proupín, Jennifer Torres Mira e Marco Bravo Rodríguez, mentres que Sabela Blanco Penelas foi distinguida na modalidade científica
Santiago de Compostela

A obra Pater familias de Gael Uxío Proupín Cantelar foi recoñecida co primeiro premio na modalidade de temática aberta da oitava edición do Concurso Literario Mazarelos, cuxo acto de entrega se desenvolveu na tarde deste martes 15 na Facultade de Filoloxía. O segundo dos galardóns recaeu en Na beira do Leteo, de Jennifer Torres Mira, alén de outorgarse un accésit a Poesía a marteladas, de Marco Bravo Rodríguez. Entre os traballos presentados na modalidade científica, o primeiro premio recaeu en Sabela Blanco Penelas por Diario dunha abella anónima. O certame está impulsado pola Comisión de Normalización Lingüística da Facultade de Filoloxía en colaboración co Servizo de Normalización Lingüística da USC e o apoio da Secretaría Xeral de Política Lingüística da Xunta de Galicia. 

O xurado desta edición do certame estivo composto por María Xesús Nogueira Pereira (que actuou como presidenta), Carlos Pérez Varela, Sabela Fernández Domínguez, Henrique Neira Pereira e Alba Cid Fernández, e por Ana Manuela de Azevedo Gomes, Daniel García Dios e María Villar López, en representación da asociación AgroMar, como comité asesor para a Modalidade de Temática Científica.

No acto de entrega de galardóns interviñeron o vicerreitor de Transformación Dixital e Innovación, Gumersindo Feijoo Costa; o decano de Filoloxía, Elias J. Feijó Torres; as vicedecanas Laurence Malingret e Alejandra Ulla Lorenzo; e o responsable do servizo de Normalización Lingüística da USC, Manuel Singala. A actuación dos artistas LaMontagne & PicoAmperio serviu de colofón ao acto.

Los contenidos de esta página se actualizaron el 16.11.2022.