Pasar al contenido principal

Campus Terra, un referente One Health fronte aos desafíos da resistencia a antimicrobianos e a produción sostible

Azucena Mora, nunha charla no edifico Cactus de Lugo
Azucena Mora, nunha charla no edifico Cactus de Lugo
A investigadora do Laboratorio de Referencia ‘E.coli’ da Facultade de Veterinaria Azucena Mora participa como asesora en Produción Animal Sustentable no Comité Permanente de Investigación Agropecuaria (SCAR) da Comisión Europea
Lugo

O novo desafío mundial que representa a prevención da resistencia aos antimicrobianos desde a perspectiva One Health, tal e como se coñece o concepto de unha única saúde acuñado recentemente pola Alianza Cuatripartita da Organización de Nacións Unidas para a Agricultura e a Alimentación (FAO), o progama da ONU para Medio  Ambiente (PNUMA), a Organización Mundial da Saúde (OMS) e a Organización Mundial de Sanidade Animal (OMSA), está a proxectar a pegada e, por ende, o liderado do I+D que desenvolven os investigadores do Campus Terra da USC nestes ámbitos.

A participación da investigadora da área de Microbioloxía e do Laboratorio de Referencia E.coli da Facultade de Veterinaria da USC Azucena Mora Gutiérrez na sesión de traballo do grupo asesor en Produción Animal Sustentable (TST SAP) do Comité Permanente de Investigación Agropecuaria (SCAR) da Comisión Europea celebrada en Bon, dá conta da pegada internacional do Campus Terra da USC nun dos ámbitos nos que actúa como asesor do citado organismo europeo.

Na súa intervención neste foro internacional, no que están representados 21 países, a profesora Mora Gutiérrez, tratou xunto con outros sete expertos, diversos aspectos que teñen impacto nas producións sustentables, ademais de cuestións relacionadas cos efectos provocados pola crisis enerxética ou pola guerra en Ucraína. As achegas realizadas ao debate pola investigadora do Campus Terra da USC permitiron unha aproximación transversal aos retos do benestar e a saúde animal, así como ao da produción animal sostible desde a perspectiva One Health.

Este novo concepto dunha única saúde implica moito máis que a colaboración interdisciplinar entre a medicina humana e a veterinaria por mor das enfermidades zoonóticas, indica Azucena Mora, ao tempo que subliña que o concepto One Health require de intercambios multidisciplinares en diferentes campos científicos e tecnolóxicos, ademais da inclusión doutros aportes e sinerxías fundamentais das Humanidades e das Ciencias Sociais. O obxectivo, precisa esta investigadora, é “promover o desenvolvemento sustentable”, para o que cómpre “estar preparados para previr, predicir, detectar e responder ás ameazas para saúde dos habitantes de todo o mundo”, conclúe.

“As resistencias aos antimicrobianos poñen en perigo a seguridade alimentaria e a produción sostible, ao tempo que supoñen unha ameaza mundial para a estratexia ‘Da granxa á mesa’, arredor da que xira o Pacto Verde Europeo, explica Mora. Daquela, fronte a esta situación, os retos da medicina veterinaria para a próxima década pasan por reducir á metade as vendas e, en consecuencia, o emprego de antibióticos en animais de granxa e tamén na acuicultura, sinala a investigadora do Campus Terra, quen tamén recoñece a dificultade de acadar este logro nun contexto no que cómpre cubrir as necesidades alimentarias da poboación mundial, que chegará aos 9,5 billóns de persoas en 2050.

Semana mundial sobre uso de antimicrobianos

A celebración da Semana Mundial da Concienciación sobre Uso de Antimicrobianos, unha efeméride que se conmemora cada ano do 18 ao 24 de novembro, visibiliza de novo a posición de liderado ocupa o Campus Terra da USC neste campo. De feito, a profesora Azucena Mora Gutiérrez ofrece este mércores en Oviedo o relatorio de clausura da II Xornada sobre o emprego prudente de antibióticos organizada polo equipo PROA do Hospital Universitario Central de Asturias (HUCA-HMN).

A tamén investigadora do Laboratorio de Referencia E.Coli da Facultade de Veterinaria da USC participará como relatora este xoves en Santiago de Compostela no programa promovido pola Consellería de Sanidade para sensibilizar sobre o uso prudente de antibióticos. Nesta, sesión, que se desenvolverá en quenda de tarde, Azucena Mora falará sobre os avances experimentados polo PRAN no uso de antibióticos en saúde animal ao tempo que salientará a importancia do enfoque One Health na loita contra a resistencias aos antibióticos.

Los contenidos de esta página se actualizaron el 16.11.2022.