Pasar al contenido principal

Stanley Whittingham abordará no programa ConCiencia os fenómenos meteorolóxicos extremos globais

Whittingham asinou tamén no libro de honra de Química. FOTO: Santi Alvite
Whittingham asinou tamén no libro de honra de Química. FOTO: Santi Alvite
O relatorio do Premio Nobel de Química 2019 desenvolverase este xoves 17, ás 19.30 horas
Santiago de Compostela

M. Stanley Whittingham, premio Nobel de Química 2019, xa está en Santiago de Compostela, onde este xoves 17, ás 19.30 horas, impartirá o relatorio ‘Os desafíos que enfrontamos para abordar os fenómenos meteorolóxicos extremos globais’. A conferencia que se enmarca dentro do programa de divulgación científica ConCiencia, da USC e do Consorcio de Santiago, desenvolverase no Auditorio ABANCA (rúa Preguntoiro, 23). Trátase dun acto aberto ao público ata completar a capacidade do espazo.

A estadía de Whittingham comezou a primeira hora deste mércores 16 coa visita ás instalacións do Instituto de Materiais da USC (iMATUS), onde tamén asinou no libro de honra e conversou co seu persoal investigador. A continuación e acompañado polo director do programa ConCiencia, Jorge Mira, dirixiuse á Facultade de Química onde foi recibido polo decano do centro, Jesús Sanmartín Matalobos, para intervir na edición número vinte seis do Encontro Galego-Portugués de Química.

Batería de litio

“A súa investigación é un dos mellores exemplos de como un avance científico transformou e segue a transformar a sociedade”, explica o catedrático da USC, Jorge Mira. Nos anos 70 Whittingham deu un paso crucial cara á creación das actuais baterías que se empregan nos teléfonos móbiles e outros dispositivos portátiles, e tamén as que se usan nos coches eléctricos. Conseguiu un innovador cátodo nunha batería de litio, feito de disulfuro de titanio, que a nivel molecular tiña espazos que podían acoller os ións do litio, a clave que permite as recargas.

Esta achega abriu a porta aos posteriores traballos de John B. Goodenough e Akira Yoshino, que completaron o desenvolvemento das actuais baterías recargables de ión-litio e compartiron con Whittingham o Nobel de Química en 2019.

Los contenidos de esta página se actualizaron el 16.11.2022.