Pasar al contenido principal

Conmemoración do 250 aniversario do nacemento de Francisco José de Caldas no Museo de Historia Natural da USC

Conmemoración do 250 aniversario do nacemento de Francisco José de Caldas no Museo de Historia Natural da USC
Conmemoración do 250 aniversario do nacemento de Francisco José de Caldas no Museo de Historia Natural da USC

O Museo de Historia Natural da Universidade de Compostela acolle na tarde deste luns o Seminario de Estudos Caldasianos. O grupo de científicos colombianos representantes das principais universidades e academias científicas do país, acompañado polo alcalde do concello de Caldas e outros membros da corporación, será recibido polo director do Museo, Marcos González, e por distintas autoridades da USC. O acto contará tamén coa participación de varios profesores da USC representantes de diversos ámbitos da ciencia e cultura.

O Concello de Caldas de Reis acolle desde setembro ata novembro unha delegación colombiana formada por personalidades dos Departamentos de Caldas e distintas universidades colombianas no marco dos actos polo 250 aniversario do natalicio de Francisco José de Caldas. A 39ª Conferencia Xeral da UNESCO (novembro de 2017, París) aprobou asociarse aos actos de conmemoración do 250 aniversario do nacemento de Francisco José de Caldas por tratarse dunha “personalidade de estatura xenuinamente universal” que permite reflectir “os ideais, valores e diversidade cultural da UNESCO”.

A pesar de ser un personaxe bastante descoñecido no noso país, en Colombia é popularmente coñecido como ‘O Sabio Caldas’ e son numerosas as rúas, prazas, centros educativos e culturais que levan o seu nome. Francisco José de Caldas (1768-1816) naceu en Popayán (Colombia) pero descende de pai galego. A liñaxe dos Caldas ten unha longa historia no municipio de Caldas de Reis e foi nomeado fillo adoptivo no 2016 con motivo do bicentenario da súa morte pola transcendencia da súa obra científica. Está considerado internacionalmente como un dos precursores da bioxeografía e destacou polos seus traballos en botánica, astronomía, xeografía e enxeñeira.

O obxectivo desta visita é o de promover o coñecemento mutuo entre investigadores da USC e de universidades colombianas para facilitar o intercambio de informacións e o desenvolvemento de proxectos en común sobre os ámbitos da investigación vinculados a Francisco José de Caldas, tales como astronomía, botánica, xeografía, cartografía, antropoloxía e un longo etcétera.

Los contenidos de esta página se actualizaron el 15.10.2018.