Pasar al contenido principal

Stanley Whittingham, Nobel de Química 2019: “temos que avanzar cara a unha perspectiva enerxética limpa e sostible”

A visita á USC é a primeira que Whittingham realiza a Europa despois da concesión do Nobel. FOTO: Santi Alvite
A visita á USC é a primeira que Whittingham realiza a Europa despois da concesión do Nobel. FOTO: Santi Alvite
“Chegou a hora de deixar de falar e facer que ocorra”, afirmou na súa visita á USC no marco do programa de divulgación científica ConCiencia
Santiago de Compostela

“Temos que avanzar cara a unha perspectiva enerxética limpa e sostible”. Así o afirmou o premio Nobel de Química 2019, M. Stanley Whittingham, no encontro mantido con medios de comunicación este xoves 17, no Colexio San Xerome, horas antes de pronunciar o relatorio central do programa ConCiencia sobre os desafíos aos que hai que facer fronte para abordar os fenómenos meteorolóxicos extremos globais. “Chegou a hora de deixar de falar e facer que ocorra”, afirmou para logo poñer o foco en que esta é unha tarefa na que “temos que traballar todos xuntos”.

Whittingham manifestouse optimista ante un futuro que se distancie dos combustibles fósiles e que se nutra de enerxías renovables. Nesta liña, subliñou o potencial dos vehículos eléctricos como “nodos de carga e descarga” para estabilizar o sistema. O Nobel tamén reflexionou sobre a dependencia enerxética entre países, circunstancia que queda patente co conflito bélico en Ucraína e a crise desatada pola dependencia do gas ruso. “Non podemos estar dependendo dos recursos doutro lugar”, dixo en referencia a como este mundo interconectado afecta a xestión da enerxía, “nin tampouco podemos mandar o noso lixo ao terceiro mundo, o que manexamos aquí, temos que contelo aquí”, afirmou para destacar a importacia da reciclaxe.

Primeira vista a Europa

A visita á USC é a primeira que Whittingham realiza a Europa despois da concesión do Nobel. O reitor Antonio López; o vicerreitor de Política Científica, Vicente Pérez Muñuzuri; e o director do programa ConCiencia, Jorge Mira, mantiveron unha xuntanza co investigador no Colexio San Xerome, dende onde se dirixiu ao Pazo de Raxoi para conversar co alcalde Xosé A. Sánchez Bugallo.

A continuación, e despois de realizar un breve percorrido pola Praza do Obradoiro, Whittingham ofreceu unha rolda de prensa na que percorreu toda a súa traxectoria ata obter o Nobel en 2019 por dar un paso crucial cara á creación das actuais baterías que se empregan nos teléfonos móbiles e outros dispositivos portátiles, e tamén as que se usan nos coches eléctricos. Conseguiu un innovador cátodo nunha batería de litio, feito de disulfuro de titanio, que a nivel molecular tiña espazos que podían acoller os ións do litio, a clave que permite as recargas. “A miña bagaxe é metade académica e metade industrial”, afirmou ao lembrar o seu traballo nas petroleiras Exxon e Schlumberger. Whittingham recordou o nacemento da primeira batería de litio hai xa medio século, un paso “demasiado pioneiro” que fixo que Exxon vendese a patente a Xapón e motivo polo cal “os asiáticos dominan a cadea se subministros”.

A achega de Whittingham abriu a porta aos posteriores traballos de John B. Goodenough e Akira Yoshino, que completaron o desenvolvemento das actuais baterías recargables de ión-litio e compartiron con Whittingham o Nobel de Química de 2019.

Traxectoria

Michael Stanley Whittingham naceu en Nottingham (Reino Unido) en 1941. Graduouse e doutorouse en química na Universidade de Oxford, para logo realizar unha estadía postdoutoral na Universidade de Stanford. De alí pasou ao sector privado, nas petroleiras Exxon e Schlumberger ata que, en 1988, se fixo profesor na Universidade de Binghamton, un dos nodos que conforma a Universidade Estatal de Nova York, á que segue vinculado na actualidade e na que foi vicerreitor de investigación e vicepresidente da Fundación de Investigación. Codirixiu o estudo do Departamento de Enerxía dos EE.UU. sobre almacenamento de enerxía e dirixe o centro de investigación de almacenamento de enerxía do programa de fronteiras de investigación dese mesmo departamento en Binghamton.

Los contenidos de esta página se actualizaron el 18.11.2022.