Pasar al contenido principal

Ciencias da Comunicación aborda a igualdade e a violencia de xénero en tempos de guerra

O reitor clausurou o foro. FOTO: Santi Alvite
O reitor clausurou o foro. FOTO: Santi Alvite
A cuarta edición do congreso Medios de Comunicación e Igualdade de Xénero contou coa participación da ex presidenta da Asemblea Xeral das Nacións Unidas, María Fernanda Espinosa
Santiago de Compostela

A igualdade e a violencia de xénero en tempos de guerra é o lema baixo o que se desenvolveu a cuarta edición do congreso Medios de Comunicación e Igualdade de Xénero, organizado pola Asociación de Periodistas de Galicia (APG), coa colaboración da Consellaría de Promoción do Emprego e Igualdade da Xunta de Galicia e da Facultade de Ciencias da Comunicación da USC, centro que ademais acolleu o foro.

O reitor Antonio López presidiu o acto de clausura dun congreso que contou coa intervención da ex presidenta da Asemblea Xeral das Nacións Unidas, María Fernanda Espinosa, recentemente elixida executiva da asociación GWL Voices for Change and Inclusion —rede que reúne a máis de 50 mulleres líderes no mundo, para promover a igualdade, a inclusión e o multilateralismo—. O seu relatorio titulouse 'O escaso papel das mulleres na política internacional e a necesidade da súa influencia na consecución de sociedades máis pacíficas'. Espinosa é tamén a primeira muller que foi designada ministra en Ecuador e ex titular das carteiras de Defensa e Cultura e Patrimonio nese país. Ademais, foi a cuarta muller na historia e a primeira de América Latina e o Caribe en presidir a Asemblea Xeral da ONU e, en 2019, foi declarada unha das 100 mulleres máis inspiradoras e influentes do mundo.

Na xornada tamén participaron como relatoras as correspondentes de guerra Marian Serén (RTVE), Sara Rincón (La Sexta) e Leticia Álvarez (ex correspondente de Antena3-Onda Cero, e agora responsable para España e Andorra do UNRIC), que interveu no panel-coloquio 'Os conflitos afondan na desigualdade, na violencia e na trata'.

Entre as participantes destacan, ademais, Mayte Carrasco, reporteira, analista e profesora, mellor correspondente no estranxeiro 2012 polo Club Internacional de Prensa (CIP), cuxa conferencia leva por título: 'Mulleres xornalistas en tempos de guerra, en pé de igualdade?'; e María Ángeles Samperio, presidenta do Consello de Xénero da Federación Internacional de Prensa (FIP), cunha disertación titulada 'Xogarse a vida para informar non sabe de xéneros'.

Nesta cuarta edición, o Congreso Medios de Comunicación e Igualdade de Xénero estivo centrado tamén no labor que desenvolven os medios de comunicación dixitais e as canles de televisión. Así, incluirá dous paneis-coloquio sobre as 'As televisións, plataformas para a consecución da igualdade e a erradicación da violencia de xénero?' e ‘Os dixitais favorecen o relato das mulleres’.

A decana da Facultade de Ciencias da Comunicación, Ana Isabel Rodríguez; o profesor do centro, Ángel Vizoso; María Fernanda Espinosa; e a conselleira María Jesús Lorenzana foron os encargados de inaugurar o foro.

Los contenidos de esta página se actualizaron el 13.12.2022.