Pablo Manuel Piñeiro Insua, alumno mellor valorado nas prácticas xestionadas polo Consello Social da USC
Entre marzo e agosto de 2022, o estudante do grao en Biotecnoloxía da USC, Pablo Manuel Piñeiro Insua, realizou practicas extracurriculares externas no Instituto de Investigacións Agrobiolóxicas de Galicia. O Consello Social da USC acaba de recoñecelo ao ser elixido o alumno mellor valorado neste tipo de prácticas xestionadas por este órgano que rexe a participación da sociedade na Universidade.
O premio está dotado con 1.500 euros e outórgase dúas veces ao ano, coincidindo cos períodos de prácticas das convocatorias de febreiro e setembro. A través deste recoñecemento, o Consello Social da USC quere impulsar a realización destas actividades, premiando a excelencia e o esforzo do alumnado no seu desempeño. A integrante do Consello Social da USC designada polas organizacións empresarias, Nuria Pereira, en substitución da presidenta deste órgano universitario, Cecilia Sierra, fixo entrega do diploma acreditativo a Pablo Manuel Piñeiro Insua.
Incentivo
Tras recibir o diploma, o estudante de 4º curso afirmou que “isto é un incentivo realmente para aprender”, para despois dirixir unhas palabras de agradecemento ás súas titoras de prácticas, as investigadoras Elena Corredoira e Teresa Martínez, e ao seu titor da USC, o profesor Javier Sampedro. Corredoira e Martínez destacaron que o premiado “é brillante, bo compañeiro de laboratorio, e fai equipo”. Pola súa parte, Pereira salientou que, “por experiencia propia e por outras empresas”, estas prácticas son “un feedback marabilloso que nos fan evolucionar moitísimo a todos”.
O Consello Social está comprometido coa mellora da empregabilidade, achegando a realidade laboral e complementando a formación teórica do alumnado mediante prácticas en empresas e institucións, ao mesmo tempo que fomenta a colaboración da USC co tecido económico e institucional.