Pasar al contenido principal

Un foro aborda o benestar das mulleres vítimas de violencia de xénero dende a xustiza terapéutica

O congreso que se estende ata o día 25 visualizará a importancia da humanización da xustiza en ámbitos de xénero, familia, dereitos humanos, interculturalidade, diversidades, criminoloxía, xustiza restaurativa e sistema penal
Santiago de Compostela

A sétima edición do Congreso Iberoamericano de Xustiza Terapéutica comezou este mércores 23 logo de dúas xornadas de pre-congreso no que as profesoras da USC e da UVigo, Mercedes Novo e Francisca Fariña, presentaron o informe cos resultados do proxecto de investigación ‘Desenvolvemento e benestar das mulleres vítimas de violencia de xénero dende a xustiza terapéutica’. Estes resultados derivarán na elaboración dunha guía na que se recollan “unha serie de accións para a mellora da atención das vítimas e dos seus fillos”, explicaron.

Definir unha serie de propostas que permitan mellorar a atención das vítimas de violencia machista no Ecuador dende unha perspectiva de xustiza terapéutica constituía o propósito central do proxecto que a Unidade de Psicoloxía Forense da Universidade da USC e o grupo de investigación PS1 da Universidade de Vigo desenvolveron ao longo do último ano co financiamento da Xunta, a través de Cooperación Galega. Tras a realización de 136 entrevistas a vítimas na cidade ecuatoriana de Cuenca, esta investigación permitiu detectar necesidades de mellora no referido á implantación de medidas de protección das vítimas e nos programas de acompañamento, así como a necesidade das denunciantes de obter maior información do proceso xudicial.

Seleccionado na convocatoria de proxectos de investigación en cooperación para o desenvolvemento da Axenda 2030 de Cooperación Galega, Desarrollo y bienestar de las mujeres víctimas de violencia de género desde la Justicia Terapéutica (DesdevictimdesdeJT) tomaba como como punto de partida o paradigma da xustiza terapéutica, que busca que tanto a lexislación e os procedementos legais como a súa aplicación estean orientados a acadar o maior benestar posible das persoas que acoden ao sistema legal. Realizadas por un grupo psicólogas que previamente recibiron formación no marco deste proxecto, as entrevistas buscaban nese senso analizar aspectos como as condicións da toma de declaración, as medidas adoptadas, a duración do proceso ou as condicións asociadas ao desenvolvemento do xuízo.

Vítimas que “sentíronse atendidas” pero que sinalan espazos de mellora

No proxecto participaron 136 mulleres de entre 18 e 72 anos, o 96% con fillos e que no 70% dos casos xa contaban cunha sentencia firme. Nestes casos, o “tempo medio” entre a presentación da denuncia e o xuízo foi de 53 días e no caso das sentencias condenatorias, establecíanse medidas de prisión “cunha media de 80 días”, explicou Novo. En termos xerais, as vítimas sinalaron sentirse “tratadas con respecto e dignidade” por parte dos operadores xurídicos, “que se preocuparon polo seu benestar, o que mellora a súa confianza na xustiza”. Do mesmo xeito, “as entrevistadas mostráronse satisfeitas por ter iniciado o proceso de denuncia”, sinalouse nunha presentación que puxo o foco nunha serie de aspectos no que “queda un espazo de mellora”, como apuntou a investigadora da USC.

Por exemplo, o protocolo de atención ás vítimas activouse “no 22% dos casos” e as 17 medidas de protección recollidas no cuestionario implantáronse cunha “frecuencia variable”, sendo as máis frecuentes a emisión dun documento legal, “a boleta de auxilio a vítima”, e a prohibición ao agresor de achegarse á vítima, no 67% dos casos. Ao mesmo tempo, as vítimas sinalaron tamén unha “necesidade de maior información sobre o proceso xudicial e sobre as indemnizacións e procedementos para solicitar axudas”, así como que se lles informe “sobre a situación da persoa denunciada”, apuntou Novo. O estudo permitiu detectar tamén unha “marxe de mellora” no referido aos programas de acompañamento ás vítimas, xa que o 83% acudiron ao xulgado pola súa conta e no relativo á percepción temporal dun proceso, que viron “excesivamente dilatado”.

“As mulleres deben ser escoitadas plenamente. Temos unha ampla marxe para mellorar”, concluíu Fariña tras a presentación destes resultados nun congreso que o grupo PS1 e a Unidade de Psicoloxía Forense da USC coorganizan coa Universidad del Azuay e a Asociación Iberoamericana de Justicia Terapéutica, da que Fariña é presidenta, e que se enmarca nas iniciativas da Cátedra Unesco Educación transformadora: ciencia, comunicación e sociedade da Universidade de Vigo. “A xustiza terapéutica é imparable”, concluíu Fariña nun foro que, lembrou, dá continuidade a iniciativas como o III Congreso Internacional de Justicia Restaurativa y Justicia Terapéutica, que os grupos da UVigo e da USC organizaron este mes xunto cos poderes xudiciais de Costa Rica, Estado de México, Paraguai e República Dominicana, no marco do programa Adelante 2 da UE. Do mesmo xeito, a catedrática da Facultade de Ciencias da Educación e do Deporte lembrou a participación a pasada semana “nun encontro de avogadas e avogados de familia, fiscalía, equipos psicosociais, maxistrados e xuíces”, na sede do Consejo General del Poder Judicial (CGPJ), do que unha das conclusións, “aprobada por unanimidade, foi a de que todos os operadores xurídicos teñen que ter esta orientación de xustiza terapéutica”.

Congreso internacional

O foro que se estende ata o día 25 visualizará a importancia da humanización da xustiza en ámbitos de xénero, familia, dereitos humanos, interculturalidade, diversidades, criminoloxía, xustiza restaurativa e sistema penal. O congreso que se celebra en modalidade presencial e en liña aborda o vínculo entre psicoloxía e dereito, acompañados de traballo social, orientación familiar e demais áreas que se fusionan para outorgar unha resposta integral á humanización da xustiza.

 

Los contenidos de esta página se actualizaron el 23.11.2022.