Pasar al contenido principal

O CiTIUS acolle unha nova xornada sobre Intelixencia artificial

A xornada contou cunha unha mesa de debate sobre a conveniencia de promover medidas, freos e estratexias de impulso para a adopción progresiva das técnicas de IA en empresas e institucións
A xornada contou cunha unha mesa de debate sobre a conveniencia de promover medidas, freos e estratexias de impulso para a adopción progresiva das técnicas de IA en empresas e institucións
Expertos do mundo da empresa e a administración visitaron hoxe o centro para participar nun encontro sobre Intelixencia artificial no marco do ciclo ‘Encontros na Eira’

“Ante a súa máis que previsible omnipresencia na totalidade dos eidos do saber e os sectores produtivos, a Intelixencia artificial (IA) xa foi descrita por algúns teóricos como ‘a electricidade do século XXI’”. Así se expresaba hoxe o catedrático Senén Barro, ex reitor USC e investigador do Centro Singular de Investigación en Tecnoloxías da Información (CiTIUS), ao termo da súa intervención no encontro promovido polo colectivo responsable do ciclo ‘Encontros na eira’, que reuniu neste centro de investigación a numerosos expertos da área.

Tras unha benvida do seu director, Paulo Félix, a alocución de Barro inaugurou a xornada poñendo en contexto a situación actual da IA, para amosar a continuación ante directivos TIC de empresas e Administracións Públicas de Galicia as principais liñas de traballo do grupo de investigación que lidera no CiTIUS, o Grupo de Sistemas Intelixentes (GSI), considerado un dos referentes na materia a nivel nacional.

A xornada despregou unha serie de contidos de vocación aplicada, poñendo especial énfase naquelas tecnoloxías con meirande impacto potencial, non só no referente ao tecido produtivo, senón tamén en aspectos transversais que afectan á sociedade no seu conxunto.

Intelixencia artificial, empresa e mundo real Os promotores do evento reuniron ás spin-off que xurdiron do CiTIUS e na actualidade desenvolven xa un labor comercial consolidado, froito da investigación desenvolvida nalgunhas das distintas liñas de investigación de GSI. É o caso de Imagames , cuxo director de enxeñería, Javier López Morado, tivo ocasión de presentar os servizos baseados en gamificación (técnicas de xogo aplicadas a ámbitos non lúdicos) cos que esta compañía compite xa no mercado.

Tras el, o cofundador e director de tecnoloxía de Situm Technologies , Adrián Canedo Rodríguez, mostrou como este modelo de éxito xurdido da investigación ten conseguido abrirse paso no mercado internacional, grazas ás tecnoloxías de alta precisión para o posicionamento e guiado en interiores vía teléfono móbil.

Ética, apoio e precaucións
A xornada dispuxo asemade unha mesa de debate sobre a conveniencia de promover medidas, freos e estratexias de impulso para a adopción progresiva das técnicas de Intelixencia artificial en empresas e institucións. Amais do propio Senén Barro Ameneiro, director de GSI, na mesa moderada polo escritor e divulgador Marcelo Castelo participaron Alfonso Vallés Salgues (Comandante-director da Escola de Especialidades da Armada Antonio Escano); Benigno Rosón Calvo (subdirector xeral de Sistemas e Tecnoloxías da Información da Consellaría de Sanidade); e César Alberto Pérez Igrexas (xefe de proxecto en dominios de Servizos e Conectividade de Vehículo no Grupo PSA-Citroen). O encontro concluíu cunha charla titulada ‘Made in Galicia’, a cargo do director da área de Innovación e Negocio da TVG, José Pereira Fariña, profesor de Ciencias da Comunicación da USC e ex vicerreitor de Comunicación da USC.

Sobre o evento
‘Encontros na eira é un foro que pretende abrir unha canle para o debate plural na contorna dos profesionais do sector TIC e, en ocasións, da propia cidadanía; coa participación dos actores de tódolos sectores galegos, pretende humanizar e fortalecer as relacións dos profesionais da área. Na actualidade, o colectivo está xa a traballar na organización do vindeiro evento, previsto para principios de 2019.

Los contenidos de esta página se actualizaron el 19.10.2018.