Pasar al contenido principal

A USC denuncia no 25N que “a violencia exercida contra as mulleres é a expresión máis grave de discriminación”

Performance desenvolvida na Praza do Obradoiro por alumnado de Ciencias da Educación co gallo do 25N. FOTO: Santi Alvite
Performance desenvolvida na Praza do Obradoiro por alumnado de Ciencias da Educación co gallo do 25N. FOTO: Santi Alvite
Así o subliña o manifesto do Día Internacional pola Eliminación da Violencia contra as Mulleres da Rede de Unidades de Igualdade de Xénero para a Excelencia Universitaria ao que deu lectura a vicerreitora de Estudantes e Cultura, Pilar Murias
Lugo, Santiago de Compostela

“Existe un amplo acordo á hora de sinalar que a violencia exercida contra as mulleres é a expresión máis grave de discriminación e de violación dos dereitos humanos”. Este foi o punto de partida do manifesto do Día Internacional pola Eliminación da Violencia contra as Mulleres da Rede de Unidades de Igualdade de Xénero para a Excelencia Universitaria (RUIGEU), ao que deu lectura a vicerreitora de Estudantes e Cultura, Pilar Murias, no acto institucional da USC co gallo do 25N que se desenvolveu no Salón Nobre do Colexio de Fonseca.

“Estímase que, en todo o mundo, polo menos unha de cada tres mulleres é vítima de violencia ao longo da súa vida. Por esa razón, a eliminación da devandita violencia é un dos obxectivos estratéxicos de Nacións Unidas; mais, como este organismo advirte, os modelos patriarcais que a orixinan reprodúcense e a escalada de autoritarismos, populismos e fundamentalismos, así como dos movementos negacionistas, antifeministas e de retroceso, está a ter un impacto negativo nos esforzos por eliminar as violencias contra as mulleres, sinaladamente, contra aquelas que sofren discriminacións múltiples ou interseccionais”, apunta o manifesto.

O texto pon o foco ante a preocupación desencadeada “polos incesantes asasinatos de mulleres, o incremento de diferentes formas de violencia de xénero facilitadas polas novas tecnoloxías, a trata de mulleres e nenas no contexto mundial das migracións, os efectos devastadores dos conflitos armados, a negativa no acceso á educación das mozas nalgunhas zonas do planeta, a represión contra as mulleres por non cumprir coas estritas normas da tradición, os casos de violencia vicaria extrema, ou o impacto do cambio climático, os desastres ambientais e as consecuencias desproporcionadas que a pandemia da COVID-19 tivo e terá, sobre todo, nas mulleres e as nenas”.

Neste senso, RUIGEU subliña a importancia de que a Unión Europea culmine o proceso de elaboración dunha directiva comunitaria co obxecto de combater eficazmente a violencia contra as mulleres. A formación é outras cuestións destacadas polo manifesto ao salientala como “ferramenta fundamental de prevención”.

“Feminismo radical”

O reitor Antonio López expresou a súa preocupación non só ante o número de mortes de mulleres vítimas da violencia machista que se producen cada ano, senón tamén ante a normalización de certas condutas que non deberían producirse, o que evidencia a necesidade de “actuar da forma máis contundente posible”. Esta é “unha loita que temos que seguir mantendo” e para a cal, a única solución é a do “feminismo radical, sen matices”, pois o feminismo “non é unha loita só de mulleres, é unha loita na que debemos estar implicados todos e todas”, dixo. Antonio López presidiu o acto no que, ademais da vicerreitora Pilar Murias, participaron a delegada do reitor para a Igualdade, Marta Pérez Pereiro; e Patricia Fernández López, subdirectora xeral da Xunta de Galicia para o tratamento contra a Violencia de Xénero.

Entrega de premios

O acto institucional da USC co gallo do 25N serviu tamén para facer entrega da cuarta edición do Concurso de Relatos Curtos contra a Violencia de Xénero. Alba Piñeiro Rascado foi recoñecida co primeiro premio grazas ao texto titulado ‘Os días grises’. Ademais, outorgáronse dous accésits aos relatos ‘Tres patas para un banco’ de  Amara Fontao Saavedra e ‘Máis ca ninguén’ de Nina Rodríguez Rey. Foron finalistas tamén os traballos ‘Desgraciado’ de Carlos Fernández Maceiras, ‘Sudoku’ de Jorge Sotelo Mancebo, ‘Festa parroquial’ de Gael Uxío Proupín Cantelar e ‘Triste sorpresa’ de Ana Marino Fernández.

Contra a violencia machista

Xunto con esta entrega de galardóns, a comunidade universitaria da USC leva varias semanas desenvolvendo actividades reivindicativas co gallo do 25N, tanto en Lugo como en Santiago de Compostela, e que abranguen dende mostras, relatorios, performances ou seminarios, entre outras múltiples actividades que poden consultarse en detalle nesta ligazón.

Los contenidos de esta página se actualizaron el 13.12.2022.