A Facultade de Física manifesta o seu fondo pesar polo pasamento de Inmaculada Paz Andrade
A comunidade universitaria da Facultade de Física e do resto da USC manifesta o seu fondo pesar polo pasamento da que fora a primeira catedrática do centro, Inmaculada Paz Andrade.
Nacida en Pontevedra, licenciouse en Ciencias Químicas na USC. Para realizar a tese doutoral, cunha bolsa da Fundación Juan March, marchou a Francia en 1961, ao Institut de Microcalorimetrie et Thermogenese de Marsella co profesor Edouard Calvet. Presentou a tese en 1964 coa máxima cualificación. Especializouse en Microcalorimetría e introduciu esta nova técnica en España. De 1964 a 1970 foi encargada de Cátedra de Física I (Termodinámica) da Universidade de Santiago e profesora adxunta. De 1974 a 1995 traballou na Universidade de Manchester co profesor Henry A. Skinner en Microcalorimetría e Termoquímica.
No ano 1981 obtivo a praza de profesora agregada de Microcalorimetría na Facultade de Química e dous anos mais tarde convértese en catedrática de Física Aplicada. Asinou uns 260 traballos de investigación no campo da Microcalorimetría, a Termoquímica e Incendios Forestais. Dirixiu máis de trinta teses de doutoramento e participou nunha vintena de proxectos de investigación, alén de ser mestra dun grande número de investigadores e investigadoras.
Entre as súas liñas de investigación destacan a termoquímica (estrutura dos complexos organometálicos), e microcalorimetría (estudo do estado líquido e mesturas de non electrolitos de importancia industrial, novos combustibles como o bioetanol, interacción entre proteínas e sulfactantes, calores de cristalización, ou entalpías de sublimación). Creou e liderou o Grupo THOR que elaborou un Sistema Experto para predicir e combater os incendios forestais en Galicia e posteriormente recuperar os chans queimados, así como un sistema para predicir con tres meses de antelación a Estación de Incendios e o Pico de Incendios. Nestes proxectos participaron 42 investigadores de distintas especialidades.
Paz Andrade obtivo a Medalla de Ouro de Física da Real Sociedade Española de Física, o Premio Galicia de Investigación Científico-Técnica Antonio Casares e Rodrigo, a Insignia de Ouro da USC, o Premio María Wonemburger, e foi nomeada doutora honoris causa pola Universidade de Vigo.