Pasar al contenido principal

Presentación de BioIncubatech, primeira incubadora especializada en biotecnoloxía de Galicia

BioIncubaTech, Incubadora de Alta Tecnoloxía para o fomento da innovación e transferencia de biotecnoloxía no ámbito da saúde e as tecnoloxías alimentarias ás micropymes, é a primeira incubadora especializada en Biotecnoloxía de Galicia. Esta é unha proposta impulsada pola USC en colaboración con Uninova e a Cámara de Comercio de Santiago de Compostela que conxuga dotación de infraestruturas e programas de incubación para conseguir atraer talento emprendedor e resultados de investigación de todo o mundo a Galicia.

BioIncubaTech presentarase publicamente e iniciará as súas actividades este martes 23 cun acto institucional a partir das 11.00 horas no Edificio Emprendia da USC (Campus Vida, Santiago) no que ademais de dar conta das súas principais características, se presentarán experiencias relevantes en materia de incubación da man das empresas incubadas na USC Sunrock Biofarma, Tastelab, I-grape e Savelo Química Industrial. Presidido polo reitor Antonio López, no acto participarán o conselleiro de Economía, Emprego e Industria, Francisco Conde; o director xeral da Fundación INCYDE, Javier Collado Cortés; o presidente da Cámara de Comercio, José Sierra; e o conselleiro delegado de Uninova, Vicente Pérez Muñuzuri. Tamén estará presente a presidenta do Clúster Empresarial de Ciencias da Vida (Bioga), Carme Pampín.

A xuntanza está dirixida a emprendedores/as e pequenas e medianas empresas do sector biotecnolóxico, a saúde e as tecnoloxías alimentarias. A presentación permitiralles coñecer os oito módulos de incubación dispoñibles en Emprendia, así como as instalacións de infraestrutura científico-técnica centralizada, que inclúe unha sala de cultivo celular, outra de bioloxía molecular e unha sala branca. Ademais, BioIncubaTech ofrecerá acceso preferente a infraestruturas científicas da USC.

O proxecto acadou a máxima puntuación da convocatoria da Fundación Instituto Cameral para a Creación e Desenvolvemento da Empresa (Fundación INCYDE) e será financiada polo Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional (FEDER) con 1,48 millóns de euros. Ademais, conta co apoio da Xunta de Galicia a través da Axencia Galega de Innovación por tratarse dun proxecto aliñado cos obxectivos da RIS3 e da Estratexia de Impulso á Biotecnoloxía 2020. Na base de BioIncubaTech atópanse as capacidades, infraestruturas científicas e coñecemento disruptivo no campo da biotecnoloxía da USC, refrendado por apostas institucionais estratéxicas como pode ser Campus Vida.

Los contenidos de esta página se actualizaron el 22.10.2018.