Pasar al contenido principal

Unha mostra aborda “o fértil encontro” creativo entre José Saramago e a pintora Graça Morais

José Saramago no seu despacho. FOTO: Fundación José Saramago
José Saramago no seu despacho. FOTO: Fundación José Saramago
A artista concibiu as ilustracións que serían publicadas na segunda edición de 'O Ano de 1993', logrando un diálogo coa natureza fragmentaria do poema. A exposición que bota a andar en Filoloxía lembra “este encontro poético entre a palabra escrita e a imaxe”
Santiago de Compostela

A exposición ‘Graça Morais e José Saramago: a arte de pensar. O ano de 1993’ bota a andar este mércores 30, na Facultade de Filoloxía, e poderá visitarse ata o próximo 27 de xaneiro. A mostra, organizada co gallo da conmemoración do centenario do nacemento de José Saramago (1922-2010), “aborda a amizade e o fértil encontro entre o escritor e a pintora Graça Morais”, explican dende a organización, feito que evidencian as obras expostas, por primeira vez, en reproducións de alta calidade. 

O Ano de 1993 é un poema filosófico estruturado a partir da compilación de trinta textos alegóricos en prosa poética. O primeiro poema foi escrito en marzo de 1974, en resposta a unha tentativa de revolta militar que procuraba acabar co réxime ditatorial portugués. A obra foi concluída e publicada en 1975, tras a Revolución dos Cravos.

En 1987 José Saramago desafiou a Graça Morais a concibir as ilustracións que serían publicadas na segunda edición do libro O Ano de 1993. A pintora produciu entón unha serie de dez composicións que estabelecen un diálogo coa natureza fragmentaria do poema. “Nesta exposición recordamos este encontro poético entre a palabra escrita e a imaxe, entre dúas grandes personalidades cuxas obras frutíferas teñen sempre o poder de desafiarnos”, explican.

Los contenidos de esta página se actualizaron el 30.11.2022.