Pasar al contenido principal

O volume Termos esenciais de dereito do traballo e da seguridade social pecha a serie de glosarios de terminoloxía xurídica do SNL

O volume Termos esenciais de dereito do traballo e da seguridade social pecha a serie de glosarios de terminoloxía xurídica do SNL
O volume Termos esenciais de dereito do traballo e da seguridade social pecha a serie de glosarios de terminoloxía xurídica do SNL

O Servizo de Normalización Lingüística (SNL) da USC leva anos traballando na elaboración de diversos vocabularios básicos bilingües e trilingües de numerosas disciplinas científicas. Agora acaba de presentar Termos esenciais de dereito do traballo e da seguridade social , o sétimo e derradeiro volume da serie de glosarios de terminoloxía xurídica que inclúe traballos de constitucional, penal, internacional, civil, administrativo e mercantil.

Este último manual é un glosario trilingüe (galego-español-inglés) que recolle máis de 1.000 conceptos do ámbito do dereito do traballo e da seguridade social. Mais non só a vertente contractual desta disciplina, senón tamén as relacións colectivas e o dereito da seguridade social, “sen as cales deviría imposible a comprensión do sistema de protección social edificado ao longo do pasado século”, matizan os seus autores, a profesora da facultade de Dereito Alicia Villalba e Xusto Rodríguez Río, do Servizo de Normalización Lingüística.

A necesidade de poñer a disposición da cidadanía os termos técnico-xurídicos en galego, “ imposibles de atopar nas fontes oficiais”, foi xustificación suficiente para a elaboración deste glosario, dirixido, en primeiro termo, ao profesorado e ao alumnado que imparten e cursan, respectivamente, ensinanzas xurídicas.

O traballo divídese en dous grandes bloques: un cos termos esenciais onde se recolle o corpus de entradas trilingües, numerado e ordenado alfabeticamente segundo o nome galego, e un segundo cos índices de denominacións españolas e inglesas.

A presentación deste xoves tivo lugar na Facultade de Dereito e nela participaron, ademais dos autores, o vicerreitor de Planificación e Proxección Estratéxica da USC, Gumersindo Feijoo; o secretario xeral de Política Lingüística da Xunta de Galicia, Valentín García; e o decano da Facultade de Dereito, Gumersindo Guinarte.

Los contenidos de esta página se actualizaron el 18.10.2018.