Pasar al contenido principal

O 17,8% dos adolescentes galegos presenta síntomas de depresión grave e moderada

As mozas experimentan presións con maior frecuencia para enviar fotografías ou vídeos íntimos (18,6% fronte ao 6,9% dos mozos). FOTO: Santi Alvite
As mozas experimentan presións con maior frecuencia para enviar fotografías ou vídeos íntimos (18,6% fronte ao 6,9% dos mozos). FOTO: Santi Alvite
Son datos extraídos do informe ‘Adolescencia, Tecnoloxía, Saúde e Convivencia’ elaborado por USC e Fundación Barrié, e que evidencia como 1 de cada 4 adolescentes galegos fai un uso problemático da Internet
Santiago de Compostela

Preto dun 20% dos e das adolescentes galegas presentan síntomas de depresión grave e moderada. Ademais, o 12,7% ten ideas suicidas recorrentes. Estas cifras multiplícanse por 3 ou 4 entre as persoas que padecen acoso escolar. Son datos extraídos do informe ‘Adolescencia, Tecnoloxía, Saúde e Convivencia’ elaborado por USC e Fundación Barrié, cunha mostra final, logo dun proceso de depuración, de 8.833 adolescentes, con idades comprendidas entre os 12 e os 18 anos.

O obxectivo do estudo foi realizar un diagnóstico do uso que os e as adolescentes galegas fan das TRIC (Tecnoloxías das Relacións, a Información e a Comunicación). A investigación establece como os niveis de benestar emocional e satisfacción coa vida son inferiores entre as mozas e a taxa de depresión e de ideación suicida é 3-4 veces maior (18,1% fronte ao 6,7% dos mozos). A investigación está coordinada polo profesor da Facultade de Psicoloxía da USC, Antonio Rial Boubeta, quen presentou os resultados xunto a Carmen Arias Romero, directora da Fundación Barrié.

O estudo tamén constata como, polo menos, 1 de cada 4 adolescentes galegos fai un uso problemático da Internet. Entre os seus principais riscos, destacan a pornografía, o sexting e o grooming. O 44% dos adolescentes galegos recoñece consumir pornografía en liña, o 42,2% admite intercambiar mensaxes sexuais en liña (sexting) e o 11,6% recibir unha proposición sexual por parte dun adulto (grooming). As mozas experimentan presións con maior frecuencia para enviar fotografías ou vídeos íntimos (18,6% fronte ao 6,9% dos mozos). O estudo detecta como máis do 40% dos adolescentes galegos presenta problemas frecuentes (todas as semanas) relacionados co estado de ánimo, a ansiedade e a irritabilidade.

Videoxogos e acoso

A taxa de adicción aos videoxogos sitúase en Galicia no 4%, o que afecta a máis de 5.000 adolescentes. A esa porcentaxe habería que engadir un 13,1% adicional para os que os videoxogos estarían a empezar a converterse nun problema. Estas cifras increméntanse canto maior é a frecuencia de xogo e as horas que se lle dedican. Ademais, obsérvase unha relación entre o consumo de videoxogos e o acoso escolar.

Polo menos 1 de cada 5 adolescentes sofre acoso escolar (22,9%) en Galicia. As cifras son maiores entre os que xogan habitualmente a videoxogos violentos designados como PEGI 18. O seu consumo frecuente ao comezo da adolescencia (12-13 anos) fai duplicar as taxas de agresores (3,6% fronte ao 1,7%).

Ademais, polo menos 1 de cada 10 adolescentes que apostan (12%) podería estar a desenvolver unha adicción ao xogo. Este é outro dos aspectos abordados polo estudo xa que o 12,5% recoñece verse obrigado a pedir diñeiro prestado para xogar ou saldar as súas débedas e un 12,1% mesmo a roubar. Estes problemas multiplícanse por 10 cando existe unha adicción ao xogo.

O estudo tamén apunta a como máis do 25% dos adolescentes non come nunca ou case nunca coa súa familia; denuncia unha mellorable hixiene do sono; e subliña as dificultades que presentan os mozos e mozas para aceptar a súa imaxe corporal, entre outros aspectos.

A investigación está coordinada polo profesor da Facultade de Psicoloxía da USC, Antonio Rial Boubeta, quen presentou os resultados xunto a Carmen Arias Romero, directora da Fundación Barrié
A investigación está coordinada polo profesor da Facultade de Psicoloxía da USC, Antonio Rial Boubeta, quen presentou os resultados xunto a Carmen Arias Romero, directora da Fundación Barrié
Los contenidos de esta página se actualizaron el 30.11.2022.