Pasar al contenido principal

Máis do 20% dos artigos científicos retirados en 2021 logo de publicarse procedían de fábricas de artigos

Cristina Candal, en primeiro termo, é alumna do programa de doutorado de Epidemioloxía e Saúde Pública da Área de Medicina Preventiva e Saúde Pública da USC. A súa tese está dirixida polos profesores Mónica Pérez Ríos e Alberto Ruano Raviña, tamén autores deste traballo. FOTO: Santi Alvite
Cristina Candal, en primeiro termo, é alumna do programa de doutorado de Epidemioloxía e Saúde Pública da Área de Medicina Preventiva e Saúde Pública da USC. A súa tese está dirixida polos profesores Mónica Pérez Ríos e Alberto Ruano Raviña, tamén autores deste traballo. FOTO: Santi Alvite
O estudo liderado pola USC e publicado no 'British Medical Journal' constata que o 96,8% destes artigos procedían dunha institución chinesa e que o 76,9% tiñan unha institución hospitalaria como filiación principal
Santiago de Compostela

Un equipo coordinado pola USC, xunto con investigadores das universidades de Brown e Yale, acaba de publicar no British Medical Journal —considerada como unha das publicacións máis relevantes no eido da medicina— un estudo sobre como foron evolucionando, entre os anos 2004 e 2022, as razóns polas que se retiran artigos científicos logo da súa publicación. En concreto, o estudo céntrase naqueles artigos que son retirados tras ser publicados nas revistas científicas ao conter estudos que non son reais e con autores que tampouco teñen participado na súa realización. O traballo logrou identificar un total de 1.182 artigos retirados por este motivo, dos cales, 1.143 (o 96,8 %) proceden de institucións chinesas. Ademais, un total de 909 (o 76,9 %) mencionaban unha institución hospitalaria como filiación principal. As fábricas de artigos adoitan corresponderse con empresas que producen manuscritos científicos falsos por encargo, debido á intensa presión para publicar, combinada con longas horas de traballo, que sofre o persoal investigador.

O traballo forma parte da tese de doutoramento da primeira asinante, Cristina Candal Pedreira, quen firma o traballo xunto con Joseph S Ross, Alberto Ruano Raviña, David S Egilman, Esteve Fernández e Mónica Pérez Ríos. O artigo titulado ‘Retracted papers originating from paper mills: cross sectional study’ constata como en 2021, máis do 20% dos artigos retirados tras ser publicados atribuíronse a este tipo de mala praxe. Ademais, só 15 revistas científicas “concentran a meirande parte destes artigos tramposos”, sinalan os autores. “Observouse tamén que o fenómeno é moi novidoso, xa que apenas hai artigos deste tipo antes de 2014”, engaden. A área de coñecemento coa meirande parte destas retiradas de artigos é a de Farmacoloxía e Farmacia cun 22%.

Metodoloxía

Para a realización deste traballo, os autores solicitaron o acceso á base de dados Retraction Watch, a máis exhaustiva na actualidade neste eido, tras asinar un acordo de uso. “Todas estas retiradas de artigos foron comprobadas dun xeito exhaustivo e obtívose a mesma información de todos eles para posteriormente ser analizada”, explican. “Este tipo de artigos son cada vez máis frecuentes, o que supón un problema para a comunidade investigadora. Orixináronse maioritariamente en China e publicáronse nunha pequena cantidade de revistas”, indican os autores, alén de subliñar a necesidade de novos mecanismos para identificar e evitar este tipo de mala conduta.

Cristina Candal é alumna do programa de doutorado de Epidemioloxía e Saúde Pública da Área de Medicina Preventiva e Saúde Pública da USC e investigadora no Instituto de Investigacións Sanitarias de Santiago de Compostela (IDIS). A súa tese está dirixida polos profesores Mónica Pérez Ríos e Alberto Ruano Raviña, tamén autores deste traballo.

Los contenidos de esta página se actualizaron el 01.12.2022.