Pasar al contenido principal

Entrega de premios do concurso Explícoche Matemáticas 2.0

O concurso Explícoche Matemáticas 2.0 da USC entrega este xoves 25 os premios da súa sétima edición nun acto a desenvolver ás 12.00 horas na Aula Magna da Facultade. O certame trata de promover a utilización do galego como medio de transmisión das matemáticas e estimular a creatividade do alumnado cos medios audiovisuais.

No acto de entrega intervirán o secretario xeral de Política Lingüística da Xunta de Galicia, Valentín García Gómez; a decana da Facultade, Elena Vázquez Cendón; o director do Servizo de Normalización Lingüística da USC, Manuel N. Singala; e Ana F. Barros e Rosa Fernández en representación do xurado.

Nesta edición, na categoría de 2º ciclo da ESO, bacharelato e Formación Profesional o premio foi para o vídeo Como calcular o tamaño da terra, de Aarón Vilariño Folgueiras, alumno de 4º da ESO do IES Lamas de Abade.

Xa na categoría de Universidade, os gañadores foron Diagramas de Voronói, de María Navarro Martínez e Iria Lago Portela, alumnas de grao de Matemáticas da USC e O problema do camiño máis rápido: a cicloide, de Jesús Conde Lago, alumno de doutoramento en Matemáticas da USC. Nesta última modalidade de alumnado de mestrado ou doutoramento, o xurado acordou conceder un accésit ao vídeo O teorema da pizza, de Brais Prieto Moure, alumno de doutoramento en Ciencias da Comunicación da USC.

Por último, o vídeo mellor valorado polos internautas foi Buscando aproximacións do número Pi mediante o método de Arquímedes, de Clara Rey Barona e Laura Álvarez Barbosa, alumnas de 4º da ESO do IES Escolas Proval.

Canle de Youtube Para tomar a súa decisión, o xurado tivo que realizar unha escolma previa de quince traballos que a Facultade de Matemáticas ten colgada na súa canle de Youtube. Ademais dos premiados, alí poden verse os vídeos A división entre 0, un mundo máis alá do infinito de Adrián Pérez Courel; A sucesión de Fibonacci, de Carla Osorio López e Celia Ocampo Carrín; Buscando aproximacións do número Pi mediante o método de Montecarlo, de Clara Rey Barona e Laura Álvarez Barbosa; Derivación da Ecuación de Ondas, de Daniel Prol Cambados; Explicación dos produtos notables, de Ana Álvarez Amieiro; O número Pi na circunferencia, de Nerea Fernández Sousa, Nazaret Álvarez Agustiño e Naima Mera Villar; O potencial da música, de Gael Ferreiro García e Tania Rodríguez Martínez; Posición relativa dunha recta e un plano, de Claudia Cerezal Sabín, Elena Sánchez González e Eva Vizcaya Balbosa; Que é unha derivada?, de Victor López Pardo; e Teorema de Tales, de Uxía Castro Fernández.

Para participar en Explícoche Matemáticas 2.0, organizado pola Comisión de Normalización Lingüística da Facultade de Matemáticas co apoio do Servizo de Normalización Lingüística, cómpre presentar vídeos en galego nos que se aborde un tema relacionado coas matemáticas, ben desde un punto de vista formal (definición dun concepto, un teorema, idea intuitiva e/ou aplicación), ou ben, cun carácter divulgador, reflectindo como se utilizan as matemáticas na vida cotiá, na cultura, na arte ou na sociedade. Cunha duración de entre 1:30 e 2:30 minutos, as pezas poderán utilizar calquera recurso multimedia, audiovisual ou artístico.

Los contenidos de esta página se actualizaron el 24.10.2018.