Pasar al contenido principal

Unha mostra aborda en Xeografía e Historia as formas tradicionais da cerámica popular

A mostra pode ser visitada no segundo andar da Facultade de Xeografía e Historia  ata marzo de 2023
A mostra pode ser visitada no segundo andar da Facultade de Xeografía e Historia ata marzo de 2023
Esta facultade da USC acolle unha selección de pezas oleiras orixinais do centro produtor de cerámica tradicional de Bonxe para poñer en valor esta forma de artesanía tradicional
Santiago de Compostela

A exposición Itinerante 'Formas tradicionais da cerámica popular: Terra Chá Bonxe’, presenta na Facultade de Xeografía e Historia da USC unha selección de pezas oleiras orixinais do centro produtor de cerámica tradicional de Bonxe para poñer en valor esta forma de artesanía tradicional a través do traballo realizado pola Asociación Ceramolóxica Canaveira e persoal investigador da institución compostelá. O recente 'Curso de Identificación cerámica arqueolóxica de contextos galegos',  realizado neste centro e promovido polo grupo EcoPast, culminou precisamente coa visita a un dos últimos centros oleiros en activo en Bonxe, na vila chairega de Outeiro de Rei.

A exposición, presentada inicialmente na capital luguesa co patrocinio da Deputación de Lugo e Centro de Artesanía e Deseño (Centrad) , ofrece agora en Compostela exemplos desta artesanía en vías de extinción —da que Pepa Lombao é a última referente— e acompáñaa de carteis divulgativos para favorecer o seu coñecemento. Ademais, inclúe novas propostas cerámicas, xa dende un punto de vista artístico —co traballo do ceramista Lolo de Anseán— co fin de amosar o nexo entre tradición e modernidade con pezas elaboradas na técnica rakú e reinterpretacións actuais de terra sigillata. A mostra pode ser visitada no segundo andar da Facultade de Xeografía e Historia  ata marzo de 2023. 

Los contenidos de esta página se actualizaron el 07.12.2022.