Pasar al contenido principal

Xosé Ramón Pousa Estévez inicia o seu segundo mandato como decano de Ciencias da Comunicación

Xosé Ramón Pousa e Antonio López saúdanse ante a presenza de Dulce García. Foto: Servimav-USC
Xosé Ramón Pousa e Antonio López saúdanse ante a presenza de Dulce García. Foto: Servimav-USC

Logo da súa reelección o pasado día 11 co respaldo unánime da Xunta de centro, o profesor Xosé Ramón Pousa Estévez tomou oficialmente posesión do seu cargo como decano de Ciencias da Comunicación no acto presidido polo reitor Antonio López este venres no propio centro compostelán. O profesor Pousa mantén como integrantes do equipo directivo os docentes Francisco Campos, Antía López e Carlos Toural, que xa o acompañaran no seu primeiro mandato.

De cara aos próximos catro anos, o docente comprometeuse a “seguir levando unha xestión transparente e participativa, coa colaboración de todos os sectores que integran o centro”. Neste período de tempo “iníciase unha etapa que marcada o final da vida académica de moitos dos que levamos traballando dende a posta en marcha dos estudos de comunicación en Galicia” , polo que “se fai necesaria unha política que permita a renovación docente e investigadora, loitando para posibilitar a carreira académica do profesorado xa vinculado a este proxecto así como a incorporación de novos valores que garantan unha educación de calidade”.

O decano agradeceu o esforzo dos distintos colectivos que conforman a comunidade da Facultade polo compromiso e entrega, nun casos “asumindo unha carga de traballo moi superior á normal”, e noutros polo talante construtivo e dialogante manifestado nos distintos procesos complexos da vida do centro.

A modo de reflexión xeral, Pousa Estévez lembrou que “sen xornalismo non hai democracia e sen produción audiovisual non hai benestar, nin recoñecemento social”. Consciente dos “cambios, dúbidas e incertezas” asociados á actual revolución tecnolóxica, reafirmou a súa seguridade en que “na Sociedade da Información e do Coñecemento, as Ciencias da Comunicación van ocupar un papel central na nosa sociedade”. Un papel que “a nosa Universidade ten que axudar a redefinir e fortalecer e nos, dende este centro de estudos, asumir as nosas responsabilidades para que esta facultade xogue un papel centro no novo panorama que nos agarda”.

Na súa intervención, o reitor incidiu na importancia do estudantado para a institución universitaria subliñando como un dos retos de futuro deste equipo de goberno “ser quen de captar estudantes porque son eles quen dan sentido a todo o que facemos”. Neste senso Antonio López resaltou a capacidade de atracción da Facultade de Ciencias da Comunicación, un “centro relativamente novo no conxunto da centenaria USC”, pero capaz de canalizar e manter unha expectativa de demanda a pesar do momento de incerteza no ámbito do xornalismo e a comunicación audiovisual.

O reitor comprometeuse ademais a seguir facendo esforzos en materia de persoal e anunciou que nas vindeiras semanas o equipo de goberno comezará unha serie de reunións con cada facultade e escola para estudar solucións oportunas as distintas demandas específicas.

Pousa Estévez
Xosé Ramón Pousa Estévez, licenciado en xornalismo e doutor pola Universidade Autónoma de Barcelona, é decano da Facultade de Ciencias da Comunicación da USC dende 2014, onde é profesor titular de Comunicación Audiovisual e Publicidade tras unha longa carreira profesional en A Nosa Terra, La Voz de Galicia e Antena 3 Radio. Como investigador, é membro do Grupo Novos Medios dende a súa fundación, no que ten dirixido e participado en proxectos de investigación con financiación pública estatal e autonómica relacionados co medio radiofónico, a programación e as audiencias. Autor de varios libros e artigos sobre o medio radiofónico. Tamén é coordinador do Arquivo Sonoro de Galicia e membro do plenario do Consello da Cultura Galega.

Los contenidos de esta página se actualizaron el 26.10.2018.