Pasar al contenido principal

O Campus Terra identifica e desenvolve elicitadores naturais do castiñeiro fronte á ‘avespiña’ co proxecto ‘Go Delicas’

Agallas en brotes dun castiñeiro
Agallas en brotes dun castiñeiro
A investigadora da EPS de Enxeñaría Josefa Lombardero, lidera a liña de I+D no marco dun grupo operativo que conta cun financiamento de preto de 180.000 euros e no que tamén participan os profesores da USC Paulino Martínez e Beatriz Orosa, ademais das empresas TRAGSA, Boibel Forestal, Hifas Foresta e IXP Castaña de Galicia
Lugo, Santiago de Compostela

Investigadores do Campus Terra e do Centro de Investigación Química, Biolóxica e Supramolecular da USC avanzan na loita contra a praga provocada pola avespiña do castiñeiro no marco do proxecto ‘Go Delicas’, unha actuación de I+D a través da que pretende identificar e desenvolver elicitadores e defensas naturais do castiñeiro do país fronte aos efectos devastadores provocados pola avespiña (Dryocosmus kuriphilus), un insecto orixinario de China que, en apenas unha década se converteu nunha ameaza devastadora para os produtores de castaña en Galicia.

O proxecto de investigación encomendado a un grupo operativo liderado pola investigadores da Unidade de Xestión  Ambiental e Forestal Sostible (UXAFORES) da EPS de Enxeñaría, María Josefa Lombardero, e do que tamén forman parte Paulino Martínez Portela, do grupo Acuigen da Facultade de Veterinaria, e Beatriz Orosa, do CIQUS, ademais das empresas TRAGSA S.A, Boibel Forestal S.L., Hifas Foresta S.L. e IXP Castaña de Galicia, conta cun orzamento de preto de 180.000 euros, financiados pola Axencia Galega de Calidade Alimentaria (AGACAL) con cargo a fondos europeos.

As accións específicas contempladas neste proxecto, que constitúe un chanzo máis na loita contra a avespiña do castiñeiro, pasan por identificar os xens implicados na morte celular programada da árbore e os mecanismos que a inducen. Coñecer a capacidade que teñen as principais variedades galegas para inducir estas respostas e caracterizar a dose de concentración dos elicitadores, ademais de promover o seu desenvolmento comercial, son outras das pretensións de ‘Go Delicas’, un proxecto a través do que se trata de estudar os mecanismos xenéticos implicados na sinalización molecular, explica Lombardero.

Logo de preto dunha década de loita fronte á avespiña do castiñeiro, o proxecto Go Delicas resulta se cabe máis pertinente que nunca dado o elevado interese agroforestal e estratéxico que constitúe o castiñeiro do país (Castanea sativa) para Galicia, onde esta especie pode contribuír a mellorar a economía das zonas rurais e de montaña, ademais de servir de acicate para fixar poboación nelas.

A investigadora da Escola Politécnica Superior de Enxeñaría do Campus Terra da USC sinala neste senso que a produtividade do castiñeiro vese mermada pola existencia de enfermidades persistentes como a tinta ou o chancro e máis recente pola introdución dunha especie invasora como a alcumada avespa asiática (Dryocosmus kuriphilus). O control deste insecto realízase mediante a liberación dun parasitoide tamén introducido, Torymus sinensis, cuxas poboacións tamén se agarda que flutúen co tempo.

O emprego de castañeiros híbridos ou de variedades resistentes a este insectos é outra das alternativas para loitar contra este insecto invasor, aínda que o seu emprego incontrolado podería conducir a una perda da riqueza das variedades dos soutos galegos, sinala Lombardero, quen ve preciso explorar novas formas de control axeitadas para preservar a diversidade xenética e a produción.

Desenvolvemento sostible

A agricultura, no actual contexto de desenvolvemento sostible, está a incorporar alternativas máis ecolóxicas para limitar o uso de insecticidas químicos e regular a xestión de pragas. O aumento da resistencia natural das plantas é unha das liñas de investigación preferentes, entre as que se atopa o emprego de substancias biolóxicas que poden estimular a inmunidade das plantas.

Esta actuación, que figura entre as que se contemplan desenvolver no marco de ‘Go Delicas’, baséase no desenvolvemento de axentes que poden imitar aos inductores naturais de sistemas de defensa das plantas denominados elicitadores, que actúan en diversos puntos da vía de sinalización celular desencadeando unha resposta defensiva que conduce á resistencia natural da planta fronte a pragas ou a enfermidades, explica Lombardero.

A investigadora do Campus Terra da USC defende que este tipo de solucións son particularmente interesantes para os viveiros produtores de castiñeiro, nos que a efectividade do parasitoide depende da existencia de masas de castiñeiros nas súas proximidades.

Garantir a resistencia natural das plantas fronte a esta praga sería moi positivo para os viveiros galegos, que son os que comercializan a maior parte de planta empregada en novas plantacións en España, e non poden enviar planta con xemas infectadas. De todos xeitos, engade Lombardero, como durante a fase invernal é imposible saber se un castiñeiro está infectado ou non, o tratamento con elicitadores deste tipo permitiría á propia árbore  destruír os ovos da avespiña depositados polas femias nas súas xemas.

Los contenidos de esta página se actualizaron el 14.12.2022.