Pasar al contenido principal

O V Premio Rafael Crecente distingue ideas innovadoras de xestión territorial de Olga Vallejo e Tomás Arteta

De esquerda a dereita, Pabo Ramil, Rosa Romero, Antonio López, Ana González Abelleira, Elvira López Mosquera e Mauricio Repetto, na EPS de Enxeñaría
De esquerda a dereita, Pabo Ramil, Rosa Romero, Antonio López, Ana González Abelleira, Elvira López Mosquera e Mauricio Repetto, na EPS de Enxeñaría
A rehabilitación dunha vivenda tradicional cun deseño bioclimático ideada pola enxeñeira civil Olga Vallejo e o proxecto de optimización dunha produción de kiwiño con técnicas de IA, presentada polo biólogo Tomás Arteta, reciben no Campus Terra os galardóns, dotados con 2.000 e 1.000 euros, respectivamente, nunha sesión presidida polo reitor da USC durante a que a profesora María Loureiro ofreceu o relatorio ‘As percepcións da cidadanía sobre o cambio climático: unha análise apoiada en big data’
Lugo

A enxeñeira civil titulada na EPS de Enxeñaría do Campus de Lugo da USC Olga Vallejo e o biólogo vigués Tomás Arteta recibiron este xoves os V Premios Rafael Crecente a Propostas Innovadoras de Xestión Territorial, uns galardóns promovidos polo Instituto de Biodiversidade Agraria e Desenvolvemento Rural (Ibader) xunto co Laboratorio do Territorio (LaboraTE) do Campus Terra da USC  e dotados con gratificacións en metálico de 2.000 e 1.000 euros respectivamente, no marco dunha concorrida cerimonia presidida polo reitor da USC, Antonio López, no Campus Terra, durante a que a profesora do Departametno de Análise Económica da USC María Loureiro ofreceu o relatorio ‘As percepcións da cidadanía sobre o cambio climático: unha análise apoiada en big data’.

A proposta de rehabilitación dunha vivenda tradicional cun deseño bioclimático ideada pola viguesa Olga Vallejo López mereceu a máxima cualificación do xurado dos V Premios  Rafael Crecente, convocados co dobre obxectivo de render homenaxe ao finado profesor e investigador na EPS de Enxeñaría da USC, ademais de para impulsar entre os titulados universitarios e a mocidade investigadora a formulación e aplicación práctica de ideas innovadoras relacionadas co desenvolvemento rural, a conservación do medio ambiente ou a mellora da xestión territorial en sentido amplo en Galicia.

A candidatura presentada por Vallejo López achega unha idea sobre o posible redeseño bioclimático dunha vivenda títpica do rural de Galicia, á que propón engadir elementos construtitvos á edificación principal empregando técnicas de bioconstrución, materiais sostibles como a madeira, a terra ou a palla, e aproveitando a mesma pedra. A rehabilitación acometeríase logo de facer un exhaustivo estudo edafoclimáfico, a fin de acadar unha vivenda o máis “pasiva” posible sen variar a arquitectura vernácula do lugar”, segundo explicou a investigadora galardoada na súa intervención no acto a través de videoconferencia.

O proxecto do biólogo e doutor en Biotecnoloxía Avanzada Tomás Ariel Arteta para optimizar a produción de planta dunha variedade de kiwiño adaptada aos retos do cambio climático mediante técnicas innovadoras agrobiotecnolóxicas e de intelixencia artificial (IA) acadou o segundo galardón dos V Premios Rafael Crecente. Arteta combina na súa proposta a biotecnoloxía vexetal con ferramentas de intelixencia artificial axeitadas para optimizar novos métodos de micropropagación de kiwiño. Trátase dunha aproximación agrobiotecnolóxica susceptible de ser aplicada en calquera outro tipo de cultivo, pero especialmente axeitado para plantas leñosas de interese agroforestal ou de conservación.

O director do Ibader, Pablo Ramil, aproveitou a súa internvención na sesión de entrega de galardóns dos V Premios Rafael Crecente para anunciar a próxima convocatoria destes galardóns. A diretora da EPS de Enxeñaría do Campus Terra, Rosa Romero; a delegada do reitor para o Campus Terra da USC, Elvira López Mosquera, e a deputada provincial Ána González Abelleira e o concelleiro do Concello de Lugo Mauricio Repetto, foron outras das autoridades políticas e académicas que interviron nun emotivo acto no que tamén participaron docentes e familiares do homenaxeado Rafael Crecente.

Público asistente á cerimonia de entrega dos V Premios Rafael Crecente, na EPS de Enxeñaría
Público asistente á cerimonia de entrega dos V Premios Rafael Crecente, na EPS de Enxeñaría
Los contenidos de esta página se actualizaron el 16.12.2022.