Pasar al contenido principal

USC e UDC desenvolverán un estudo para artellar un modelo innovador de xestión enerxética no Concello da Coruña

Os reitores asinaron o convenio xunto coa alcaldesa. FOTO: Concello da Coruña
Os reitores asinaron o convenio xunto coa alcaldesa. FOTO: Concello da Coruña
O convenio asinado este luns polos reitores Antonio López e Julio Abalde e a alcaldesa Inés Rey acomete a análise da viabilidade e trámites necesarios para a creación dun operador enerxético de ámbito municipal
Santiago de Compostela

USC e UDC realizarán un estudo sobre a viabilidade e trámites necesarios para a creación dun operador enerxético de ámbito municipal no Concello da Coruña. O obxecto do estudo será recadar, ordenar e explotar toda a información dispoñible no plano xurídico e económico para artellar un modelo innovador de xestión enerxética municipal, coordinado pola profesora Alba Nogueira, por parte da USC, e do profesor Carlos Amoedo Souto, por parte da UDC. As bases para a realización do estudo aséntanse co convenio que este luns 19 asinaron no concello coruñés os reitores Antonio López e Julio Abalde e a alcaldesa Inés Rey.

A intervención dos concellos, especialmente das cidades, en materia enerxética supón “un reto cada vez maior”, acentuado no momento actual de forte crise enerxética en Europa derivada do conflito bélico xurdido tras a invasión de Ucraína por Rusia, tal e como explica o texto do acordo. Nesta liña, o Concello da Coruña colocou xa na súa Axenda Urbana Coruña Próxima 2030 a necesidade de loitar contra a pobreza enerxética, así como o fomento do autoconsumo e a disposición de enerxía accesible e non contaminante.

A corporación municipal adoptou un acordo de impulso dunha gobernanza comprometida coa transición enerxética e coa loita contra o cambio climático e dunha iniciativa económica consistente na posta en marcha dun operador enerxético municipal. Neste senso, o pleno do Concello considerou que os equipos investigadores xa constituídos na UDC e na USC “podían achegar innovación, comprensión e axudar a articular posibles vías para que o papel do Concello da Coruña na transición enerxética permita acadar maiores cotas de benestar social, contribuír a mitigar o cambio climático e maior solidariedade coa fin de mitigar situacións de pobreza enerxética en parte da súa cidadanía”.

O equipo da USC complétano Andrei Quintiá Pastrana, colaborador externo da Universidade de Groningen, e o profesor Beltrán Puentes Cociña. Por parte da UDC, completan o equipo Ángel Santiago Fernández Castro, Fernando de Llano Paz, e José Antonio Blanco Moa.

Contidos

O estudo abordará o contexto regulatorio (estatal, autonómico e local) da creación dun operador enerxético municipal e identificación das adaptacións normativas precisas, de ser o caso, no plano local. Tamén se centrará na determinación das posibles funcións do operador: xeración propia; adquisición de electricidade no mercado maiorista; subministración de electricidade para autoconsumo municipal ou a terceiros, públicos e/ou privados, con especial atención aos consumidores en risco de pobreza enerxética; asesoramento e impulso de comunidades enerxéticas de autoconsumo.

A proposta operativa de constitución dun operador enerxético municipal, dentro das opcións dispoñibles no sector público local coruñés, con especial atención ás formas de gobernanza democrática e participativa é outro dos elementos que integra o estudo xunto coa análise do mercado relativo á oferta e demanda existentes, á rendibilidade e aos posibles efectos da actividade local sobre a concorrencia empresarial. A análise dos escenarios de viabilidade financeira e da política de tarificación será outra das cuestións a abordar.

Los contenidos de esta página se actualizaron el 19.12.2022.