A Biblioteca Universitaria estrea un novo catálogo Iacobus “cunha potente ferramenta de descubrimento”
A Biblioteca Universitaria estrea un novo catálogo Iacobus que, ademais de renovar o deseño da páxina web, incorpora Primo, “unha potente ferramenta de descubrimento”, tal e como explicou este martes 20 a directora da BUSC, Mabela Casal. Iacobus, polo tanto, non é agora soamente un catálogo, “é tamén unha ferramenta máis completa que nos permite, dende unha única caixa, indagar na colección da Biblioteca (incluíndo recursos electrónicos, texto completo de revistas subscritas pola USC ou en Acceso Aberto), xestionar o noso propio espazo persoal, facer solicitudes de préstamo entre os centros da BUSC ou Interbibliotecario, exportar rexistros e xerar citas ou solicitar novas adquisicións”, engade.
Unha das principais novidades é o chamado Índice Central de Descubrimento. Trátase dunha mega agregación de centos de millóns de recursos electrónicos académicos de importancia global e rexional rastrexados entre catálogos, repositorios, páxinas e recursos dispoñibles na web incluíndo artigos de revistas, libros electrónicos, recensións, documentos legais e moito máis, recollidos de editores e agregadores primarios e secundarios. Na páxina web da BUSC existen a dispor da comunidade universitaria titoriais sobre uso e funcionalidades desta nova ferramenta, aos que se pode acceder aquí.
“A nova plataforma de servizos da BUSC proporciona robustez, integración e eficiencia, e facilita ás persoas usuarias a buscae o acceso á información”, continúa a directora da BUSC. Ademais, nestes días a Biblioteca Universitaria culmina o proceso de implantación do novo sistema, un proxecto iniciado hai nove meses xunto coas outras dúas bibliotecas universitarias galegas e auspiciado polo Consorcio do sistema Universitario de Galicia (CISUG).