Pasar al contenido principal

A EPS de Enxeñaría avalía tecnoloxías de teledetección avanzada como ferramentas de apoio e mellora da xestión forestal

Juan Guerra Hernández, no centro, cos directores da súa tese de doutoramento
Juan Guerra Hernández, no centro, cos directores da súa tese de doutoramento

Investigadores da Escola Politécnica Superior de Enxeñaría do campus de Lugo (EPS) están a avaliar a capacidade e as prestacións de dúas tecnoloxías avanzadas de teledetección como posibles ferramentas complementarias que contribúan a mellorar a xestión forestal.

As tecnoloxías obxecto desta liña de traballo da EPS de Enxeñaría de Lugo céntranse no uso de datos de percepción remota, tal e como é o caso de Airbone Laser Scanning (ALS), e na fotografía aérea dixital (DAP) adquirida por vehículos aéreos non tripulados (VANT), segundo sinala o profesor do Departamento de Botánica da USC EPS Ramón Alberto Díaz Varela.

Esta investigación trata de probar o interese destas tecnoloxías como ferramentas de apoio á xestión forestal, a partir da análise de datos espaciais a escalas que varían dende o nivel de rodal ata o nivel da árbore individual. Neste senso, o emprego de datos de sensores remotos de resolución centimétrica e información 3D optimiza a estimación de parámetros tales como alturas, coberturas, volumes, biomasa, cargas de combustibles, crecementos, etc. sobre amplas superficies forestais, perfilándose como unha das liñas de investigación forestal de maior proxección no futuro, relatou Díaz Varela.

Este profesor e investigador na EPS de Enxeñaría de Lugo sinalou asemade que a avaliación destas dúas tecnoloxías deu pé, no contexto de liñas conxuntas de investigación coa Unidade de Xestión Forestal Sostible (UXFS) e a Universidade de León (ULE), á tese de doutoramento que vén de presentar Juan Guerra Hernández baixo o título ‘Applicability of advanced remote sensing technologies to support forest management’ no Instituto Superior de Agronomía (ISA) da Universidade de Lisboa.

Esta investigación, co dirixida por Eduardo Manuel González Ferreiro, da ULE, Ramón Alberto Díaz Varela, da USC, e Margarida Tomé, do ISA, mereceu a máxima cualificación de muito bom com distinção (equivalente a sobresaínte cum laude no Sistema Universitario Galego). O traballo foi desenvolvido en colaboración con investigadores do US Forest Service, Universidade de Sao Paulo e coa contribución do goberno de Estremadura, a empresa Terradrone e o centro de investigación RAIZ, ambos con sede en Portugual.

Los contenidos de esta página se actualizaron el 25.10.2018.