Políticas públicas e violencia contra as mulleres, a debate nas II Xornadas Internacionais Educación, Xénero e Igualdade
As políticas públicas e a violencia contra as mulleres centra este martes a temática das xornadas de formación, educación, xénero e igualdade promovidas polo Centro Interdisciplinario de Investigacións Feministas e de Estudos de Xénero (Cifex) da USC e que se desenvolverán na Facultade de Ciencias da Educación da USC.
O programa destas xornadas, que xa van pola súa décima edición, dá continuidade á actividade de formación e divulgación promovida desde hai máis de tres lustros polo Cifex da USC, segundo indica a directora deste centro de investigación da USC, Rita Radl. Nesta ocasión, os relatores participantes neste foro tratarán aspectos significativos das políticas públicas en relación coa problemática da violencia contra as mulleres.
O programa das xornadas afondará así na cuestión da prostitución como forma de violencia, se cabe extrema contra as mulleres, ao tempo que abordará as medidas e políticas no ámbito da Universidade referente á temática da violencia e ao acoso en función do xénero.
A dimensión educativo constitúe outros dos aspectos a salientar destas xornadas, cuxos promotores pretenden tamén favorecer o debate e a toma de conciencia para avanzar tanto no coñecemento como na modificación da práctica social, a fin de solucionar a problemática da violencia de xénero, unha realidade lamentablemente relacionada coa dinámica das sociedades actuais.
Programa
A vicerreitora de Comunicación, Cultura e Servizos da USC, Mar Lorenzo Moledo, abrirá este programa este martes, a partir das 9.30 horas, na Facultade de Ciencias da Educación da USC, no marco dun acto no que tamén intervirán a concelleira de Muller do Concello de Santiago, a decana da Facultade de Ciencias da Educación e a propia Rita Radl, en calidade de directora do Cifex.
A profesora de Socioloxía e directora da Unidade de Igualdade da Universidade de Vigo, Agueda Gómez Suárez, abrirá a quenda de intervencións destas xornadas co relatorio ‘Prostitución e gramática sexual do putero no noso tempo’. De seguido, a propia Gómez Suárez participará xunto coas responsables das oficinas de Igualdade de Xénero da USC e da UDC, Eva Aguayo e Ana Jesús López Díaz, respectivamente, nunha mesa de debate sobre medidas políticas no seo da universidade referidas a violencia e acoso en función de xénero.
O programa das xornadas continuará en quenda de tarde cunha mesa de debate sobre as múltiples formas de violencia contra as mulleres e o valor preventivo da educación. A profesora da USC Begoña Gómez Vázquez será a encargada de moderar este coloquio, no que intervirán como relatores o vicepresidente da Cátedra de Estudos de Xénero do Instituto Superior Mineiro Metalúrxico de Moa (ISMM), en Cuba, Víctor Hugo Pérez; a profesora da UDC Rosa Caramés, e Lourdes Pazo, en representación do programa Vagalume.