Pasar al contenido principal

O orzamento da USC para 2023 ascenderá a 287,89 millóns de euros

Sesión ordinaria do Consello de Goberno. FOTO: Santi Alvite
Sesión ordinaria do Consello de Goberno. FOTO: Santi Alvite
O Consello de Goberno aprobou as contas do vindeiro ano e a Programación Plurianual 2023-2026, dous documentos estratéxicos que definen a realidade inmediata da Universidade de Santiago así como o seu futuro a curto e medio prazo

Os proxectos de Orzamento para 2023 e da Programación Plurianual para o período 2023-2026 son dous dos documentos estratéxicos que definen a realidade inmediata da Universidade de Santiago así como o seu futuro a medio prazo. Ambos documentos foron aprobados este mércores 28 na xuntanza do Consello de Goberno e recollen a necesidade de actuar e planificar a actividade da institución compostelá cun enfoque orientado ao principio de boa administración, para dar conta da súa función social e da súa misión aumentando a calidade dos servizos ofertados e da actividade desenvolvida para a sociedade. No caso específico da Programación Plurianual someterase a unha necesaria posta ao día cando se teña definido o Plan Estratéxico da USC así como a futura Lei Orgánica do Sistema Universitario.

Orzamento

O Orzamento da USC para o vindeiro ano ascende a 287,89 millóns de euros cun incremento respecto ao exercicio actual do 4,7%, unha cifra superior á evolución do Plan Galego de Financiamento Universitario que se incrementou un 3% no seu conxunto. O documento no que se recollen as contas da institucións toman por lema ‘Conectando’ en referencia á necesidade  de  ter  unha  estratexia  integral,  de  actuar cunha “concepción integradora que conecte as partes co todo”.

Dende o punto de vista da súa concepción, o orzamento para o vindeiro exercicio destaca que “a prudencia, o rigor, o control nas actuacións e a transparencia deben ser os principios reitores das nosas políticas, xa sexan dirixidas ás persoas ou aos recursos materiais”. Do mesmo xeito e conforme ás Liñas Xerais aprobadas no Claustro, a cifra máxima de gasto non financeiro é de 288,72 millóns de euros.

Mantendo a orientación recollida na proposta de Liñas Xerais, estes Orzamentos apostan pola necesidade de actuar nos ingresos, mellorando en parámetros como a cobertura máxima de número de prazas que se ofertan, pola captación de fondos relacionados cos instrumentos de execución do programa Next Generation ou polo incremento dos ingresos percibidos por tarifas de prestación de servizos. Tamén se destacan as actuacións no capítulo de gastos, xa que como se pon de manifesta nas contas da Universidade “cómpre incorporar a información integral para a toma de decisións”. De igual forma prestarase especial atención ás medidas de eficiencia enerxética. 
 
No seu desenvolvemento tomáronse en consideración tres liñas estratéxicas e outras tantas de carácter instrumental. De entre as primeiras, o apartado dedicado a Persoas desagrégase para detallar prioridades no relativo ao alumnado, ao cadro de persoal e en relación á comunidade universitaria no seu conxunto e á cidadanía. A segunda das liñas está centrada na docencia, particularmente no relativo á captación de estudantado de grao, mestrado e doutoramento e a accións de mellora das titulacións de mestrado oficial e dos programas de doutoramento; e unha terceira liña que xira sobre a xestión da investigación. Pola súa banda, as tres liñas instrumentais atenden aos medios necesarios. En primeiro lugar o investimento en infraestruturas con actuacións de rehabilitación e mellora da eficiencia enerxética, en segundo lugar a transformación dixital focalizada na innovación e mellora docente e, por último, a colaboración institucional, que permita a obtención de recursos adicionais como o PERTE de Nova Economía da Lingua.

Programación plurianual

O Consello de Goberno aprobou tamén a Programación Plurianual da USC para o período 2023-2026, un conxunto de oito eixos cuxa filosofía está baseada nas directrices xerais aprobadas no Claustro celebrado a comezos de decembro e ten en conta as condicións xeopolíticas que se albiscan para os vindeiros anos, xunto coas medidas de recuperación logo da pandemia da COVID. A programación, conforme ao aprobado este mércores, quedará condicionada aos obxectivos que se deriven da aprobación do Plan Estratéxico da USC, cuxa elaboración se realizará durante 2023, así como da futura Lei Orgánica do Sistema Universitario.

O documento hoxe tratado recolle un conxunto de 38 liñas de actuación orientados a máis dun cento de obxectivos e que se concretan, á súa vez, en máis de duascentas accións específicas. O primeiro dos eixos está centrado no estudantado e a comunidade universitaria e ten como filosofía a recuperación dos centros como referentes dos distintos colectivos universitarios. A formación e a docencia no novo contexto é o seguinte dos eixos da programación. Este pon o aceno no feito de que o novo contexto derivado da COVID acelerou a transformación do proceso educativo co que a USC debe impulsar aquelas accións encamiñadas a unha mellora e diversificación da oferta docente.

Por outra banda, garantir a remuda xeracional é o principal reto que a USC afrontará nos vindeiros anos e que condiciona o capítulo da programación correspondente á política de persoal, na que se presta especial atención á renovación, estabilización e promoción dos cadros docentes, así como adaptar as estruturas de Persoal de Administración e Servizos e persoal de apoio ou desenvolver a carreira investigadora. En relación a este último ámbito, o cuarto eixo está dedicado á investigación e a innovación como motor de desenvolvemento, mentres que o quinto, co lema ‘A senda da internacionalización’, sinala que a USC debe formular un plan de internacionalización acorde coa súa vocación como universidade aberta ao mundo.

A procura de infraestruturas ecoeficientes son outro dos ámbitos vertebradores da programación, xunto coa abordaxe da transformación dixital. Respecto deste eixe, a USC considera preciso aproveitar o impulso nos trocos realizados dende 2020 para acelerar as accións encamiñadas a atinxir na Universidade compostelá unha transformación dixital que supoña unha mellora nas capacidades de servizo e interacción coa sociedade. A xestión eficiente dos recursos completaría o cadro de eixos que vertebran esta Programación.

Plan de Medidas Antifraude

Outro dos puntos abordados foi a aprobación da proposta dun Plan de Medidas Antifraude e Prevención de Riscos de Xestión da USC, co que a USC concreta para o seu ámbito de organización e procedementos o Plan de Medidas Antifraude para a xestións dos Fondos NGEU do Ministerio de Universidades. O Plan da USC pretende promover entre o conxunto do persoal universitario, a propia comunidade universitaria e outras entidades ou axentes externos á organización, “unha cultura ética e de integridade, que resulte polo tanto extensible a aquelas terceiras persoas coas que se interactúe, cun efecto disuasorio de calquera actividade sospeitosa de fraude, corrupción ou conflito de intereses”. A proposta de plan permitiría o establecemento dunha serie de medidas e mecanismos que fagan posible a súa prevención e detección antes de que se produza ou, de ser o caso, a través da súa corrección e persecución noutras instancias administrativas e xudiciais.

Cesión de terreos no Campus de Lugo

O órgano colexiado aprobou tamén a proposta de aceptación do uso gratuíto de bens provinciais destinado á educación superior no Campus lugués. Trátase dun conxunto de parcelas  adxacentes á avenida de Madrid cunha superficie de 7.500 metros cadrados cuxa cesión quedou formalizada o pasado mes de novembro nun convenio coa Deputación de Lugo.

Outros temas

O Consello tamén aprobou o regulamento da Tarxeta Universitaria de Identidade (TUI), a proposta de adhesión ao convenio entre socios de Sigma Gestión Universitaria AIE, a modificación do Regulamento de Mobilidade do Persoal de Administración e Servizos Funcionario, a proposta de actualización de tarifas do exercicio económico 2023, así como os complementos retributivos autonómicos, a proposta dun curso de experto en intelixencia emocional e benestar organizacional, memorias de estudos propios e transferencia de resultados de investigación, entre outras cuestións.
 

Los contenidos de esta página se actualizaron el 24.01.2023.