Pasar al contenido principal

Ciencias da Educación coordina un consorcio internacional que desenvolve unha nova metodoloxía educativa colaborativa para a formación inicial do profesorado

Alumnado en clase con equipos informáticos
O sistema EKT é unha conxunción dun campus virtual, ferramentas colaborativas na nube, comunicación síncrona e asíncrona, portafolios dixital ou xerador de contidos académicos multimedia, entre outras aplicacións
Actualmente avanza no desenvolvemento dunha ferramenta que se integrará nunha futura versión da plataforma internacional LMS Chamilo, con máis de 31 millóns de persoas usuarias en todo o mundo

O proxecto Transferencia de Coñecemento Educativo (EKT, polas súas siglas en inglés) é unha “alianza de coñecemento para a educación superior” que coordina o grupo de Tecnoloxía Educativa da USC coa participación dun total de once socios académicos e tecnolóxicos de seis países da Unión Europea. O proxecto está traballando no desenvolvemento dunha nova metodoloxía educativa colaborativa para a formación inicial do profesorado. Esta ferramenta “permite facer un seguimento efectivo de todo o proceso de prácticas educativas de futuros/as docentes a través dunha metodoloxía de aprendizaxe innovadora, onde a colaboración e a comunicación son unha constante entre todos os actores implicados no proceso, alumnado en prácticas, titores universitarios e de escola”, detalla a profesora de Ciencias da Educación Carmen Fernández Morante. 

O sistema EKT é unha conxunción dun campus virtual, ferramentas colaborativas na nube, comunicación síncrona e asíncrona, portafolios dixital ou xerador de contidos académicos multimedia, entre outras aplicacións propias de xestión das prácticas académicas curriculares. Concretamente o portafolios dixital EKT, desenvolvido no marco deste proxecto, está previsto que se integre nunha futura versión da plataforma internacional LMS Chamilo, con máis de 31 millóns de persoas usuarias en todo o mundo. Pola súa potencialidade, o portafolios dixital EKT foi validado pola comunidade técnica que forma parte do consorcio para a súa incorporación na próxima versión da plataforma.

EKT

O proxecto acaba de celebrar en Viena unha xornada de traballo coa participación do equipo técnico responsable do desenvolvemento do sistema intelixente EKT para as prácticas, equipo integrado polo Centro de Supercomputación de Galicia e empresas do sector. En palabras do grupo responsable  “o sistema intelixente EKT representa un dos produtos centrais do proxecto pola súa complexidade tecnolóxica e potencial innovador e foi desenvolvido en tres fases de investigación”.

Nun primeiro momento abordouse a análise diagnóstica de necesidades formuladas polos titores de prácticas, tanto da etapa universitaria como do ámbito escolar, durante o curso 20-21. Nunha segunda fase, abordouse a experimentación piloto durante o período de prácticas escolares do curso 21-22 en centros de formación inicial do profesorado dos cinco países participantes, España, Austria, Portugal, Irlanda e Inglaterra. A experiencia acumulada deu lugar a unha segunda versión evolucionada do sistema. Neste primeiro ciclo de test participaron titores de alumnado dos graos de formación do profesorado da Facultade de Ciencias da Educación da USC.

Xa no presente curso, estase a traballar nunha terceira fase derivada do segundo ciclo de experimentación piloto, o que dará lugar á terceira e definitiva versión do sistema, e que incorporará como segundo produto a aplicación EKT para a interacción de estudantes de prácticas e titores dende dispositivos móbiles. Os traballos actuais  repercutirán na experiencia de usuario mellorando a navegación,  a comprensión da lóxica do sistema e a achega de analíticas de aprendizaxe de utilidade para os tres perfís de usuario posibles (titores universitarios, de escola e futuros/as docentes).

O consorcio coordinado pola USC confórmano ademais o Centro de Supercomputación de Galicia, como coordinador do equipo tecnolóxico; a Universidade de Minho; a Pädagogische Hochschule Wien; a University of Plymouth; o Marino Institute of Education; BeezNest Belgium; H2 Learning; Die Berater e Lusoinfo II Multimédia SA.
 

Los contenidos de esta página se actualizaron el 29.12.2022.