A derradeira Regueifa da temporada debate sobre a mala sona do eucalipto
Unha especie invasora que leva décadas ameazando os ecosistemas dos bosques galegos ou un dos motores económicos claves da comunidade, xerador do emprego e riqueza: está xustificada a mala sona do eucalipto?. A terceira edición das Regueifas da Ciencias botará o peche o vindeiro luns 11 debatendo arredor deste tema nunha nova sesión a partir das 20.00 horas na Facultade de Ciencias da Comunicación.
As dúas posturas estarán representadas polo presidente da Sociedade Galega de Historia Natural, Serafín González Prieto, e polo profesor da Universidade de Vigo Adolfo Cordero, defendendo a mala sona desta especie; e polo catedrático emérito, Francisco Díaz-Fierros, e polo catedrático de Proxectos de Enxeñaría da USC, Manuel Marey Pérez.
Regueifiñas
Como novidade fronte anteriores convocatorias, este ano desenvólvese Regueifiñas, un certame de debate dirixido a centros de Secundaria, Bacharelato e FP galegos. A final do certame celebrarase igualmente na Facultade de Ciencias da Comunicación e retransmitirase por streaming o vindeiro 22 de marzo.
Os equipos que gañaron a eliminatoria e pasaron á final están formados por dúas alumnas do IES Rosalía de Castro de Santiago e por un alumno e unha alumna do colexio Compañía de María de Ferrol. Ambos equipos recibirán un premio conmemorativo por ter alcanzado esta última fase.